Concello e Deputación pactan novas actuacións na cidade por valor de 16 millóns

Compartir
Abel Caballero e Carmela Silva na presentación do convenio para os anos 2021, 2022 e 2023. Fonte: Concello

O Organismo Provincial aportará case 11 millóns de euros e o goberno local máis de 5 para acometer nove novas obras na cidade ata o ano 2023

Entre elas destacan tres actuacións no Vigo Vertical; humanizacións como a da Avda. Castelao, Martínez Garrido ou San Roque; a primeira fase da recuperación dunar do paseo de Samil, e a cobertura do patio do colexio Javier Sensat

 

 

Abel Caballero e Carmela Silva, presentaron esta mañá o convenio de colaboración para a execución dun plan de investimos para a cidade no marco 2021-2023, coa finalidade de mellorar a mobilidade urbana sostible na cidade.

O importe do convenio entre ambas administracións é de 15.795.204,71 euros dos cales 10.783.752,48 euros achégaos a institución provincial e 5.011.452,23 o Concello. En total son 9 actuacións que inclúen a humanización de Martínez Garrido na Fase IV, a mellora da accesibilidade peonil na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Romil e Hispanidade e outra actuación entre Marqués de Valterra e Torrecedeira. Tamén no mesmo programa Vigo Vertical haberá unha implantación cun medio de transporte mecánico na rúa Aragón entre os números 209 e 178.

“No paseo de Samil afianzarase o paseo actual entre as árbores, para mellorar o seu trazado e farase un paseo novo con 3 metros máis de ancho que o actual. Haberá máis praia, ao gañarse unha superficie de 10 metros. A actuación é entre a Punta de Samil ata o antigo Camaleón”, segundo explicou Abel Caballero.

Ademais, haberá humanizacións en San Roque, entre Gregorio Espino e Reiseñor; na avenida de Castelao, entre Martín Echegaray e Doutor Darío Durán. Tamén a Deputación e o Concello asinaron a mellora dos firmes nos viais municipais por valor de 3.100.000 euros e a cubrición do patrio do colexio Javier Sensat cun orzamento previsto de 361.659,90 euros.

O Alcalde amosou a súa satisfacción coa institución provincial: “Isto é só unha parte, a Deputación tamén inviste na grada de Marcador de Balaídos, O Marisquiño, os céspedes dos campos de fútbol, actividades culturais… O meu recoñecemento”, apuntou.