9 noviembre, 2021
O investigador na United Nations University World Institute for Development Economics Research (UNU-WIDER), e catedrático do Departamento de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, Carlos Gradín, continuará o ciclo de conferencias mañá, mércores 10 de novembro ás 19.00h.
Afundación TV continúa mañá, mércores 10 de novembro, a programación do ciclo de coloquios «ConCiencia sostible», en colaboración coa revista galega de divulgación científica GCiencia, coa conferencia de Carlos Gardín, investigador na United Nations University World Institute for Development Economics Research (UNU-WIDER), e catedrático do Departamento de Economía Aplicada na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, ás 19.00h.
A súa intervención, titulada «A evolución da desigualdade da renda en e entre os países», abordará como os avances nada desprezables acadados en materia de igualdade nos últimos anos nalgunhas partes do mundo non poden ser motivo de conformismo. A nova emerxencia de discursos de odio contra colectivos vulnerables, (migrantes, refuxiados, LGTBI, etc.) e os problemas sen solucionar mesmo en sociedades avanzadas (aporofobia, limitacións de dereitos das persoas con discapacidade, fenda de xénero…), obrigan a traballar activamente na procura de solucións. Convivir en igualdade, independentemente da idade, sexo, discapacidade, orixe, relixión e outros factores socioeconómicos é unha meta indispensable para un futuro mellor.
Este ciclo enmárcase no compromiso de ABANCA e Afundación a prol dun modelo sostible que permita contribuír ao equilibrio económico, social e ambiental do seu contorno. Para iso, e co propósito de mellorar a sociedade e fomentar o desenvolvemento integral de todos os que a integramos, coas propostas enmarcadas no principio de sostibilidade de Afundación poderase aprender e gozar con iniciativas científicas de relevancia divulgativa e xeral.
Desde conferencias, ata exposicións fotográficas nas que a beleza do noso contorno recóllese en todo o seu esplendor, ou unha recreación interactiva do aumento do nivel do mar a futuro a partir dos datos máis actualizados ao respecto, sen esquecer as imprescindibles accións de voluntariado de limpeza de praias e fondos mariños fundamentais para a participación activa no coidado do noso medio ambiente.
Alerta