Covelo humaniza o camiño da igrexa de Santa María de Paraños co apoio da Deputación de Pontevedra

Compartir

Un investimento de case de 41.000 euros da Deputación de Pontevedra permitiu embelecer e mellorar a accesibilidade do camiño da igrexa de Santa María de Paraños, ao tempo que levouse a cabo unha humanización de toda a contorna. As obras foron supervisadas polo deputado de Economía e Facenda, Carlos Font; a deputada de Cohesión Social, Olga García, e o alcalde, Juan Pablo Castillo nunha visita institucional.

A actuación cínguense ao camiño que conecta o conxunto formado polo templo e o cemiterio parroquial a través doutra vía rural coa N-120. O proxecto, que remarca a prioridade peonil e elimina todo tipo de barreiras arquitectónicas, consistiu na pavimentación do firme de xabre cunha base de formigón incluíndo unha zona empedrada con lousa de granito, a modo de vestíbulo, na contorna das edificacións relixiosas. Alí tamén habilitáronse dous bancos. A maiores, o concello renovou o saneamento.

O camiño embeleceuse con franxas transversais de pedra e tamén quedou dotado dunha nova rede de recollida de augas pluviais coas respectivas arquetas e grellas de ferro. No deseño respectáronse os accesos da circulación rodada ás fincas e predios colindantes, así como as conexións peonís coa contorna da igrexa e as vivendas da zona. Atendendo á suxestión de Patrimonio o encontro dos pavimentos cos muros de peche tanto do adro como do parcelario da zona resolvéronse con bandas de pedra de granito silvestre de 8 centímetros.

O investimento total da Deputación de Pontevedra en Covelo, desde o ano 2016, supera os 5 millóns de euros. Este ano, no marco do Plan Concellos, o municipio recibe máis de 460.000 euros.  Dende o ano 2016 Covelo foi quen de executar 25 obras financiadas pola Deputación con cargo a este operativo de financiamento regrado. A maiores, obtivo achegas en concorrencia competitiva para a mellora da seguridade dos viarios municipais (86.757 euros do plan DepoRemse) e para o proxecto de mellora de accesibilidade e humanización da praza de Barciademera (287.407 euros do Plan de Reequilibrio). O Concello puido contratar tamén a 95 persoas desempregadas ata o ano pasado para desempeñar traballos temporais en servizos municipais con cargo ao Plan Concellos. Este mesmo ano acolle a 16 traballadores/as máis.