26 agosto, 2024
O FICBUEU converterase o próximo mes de setembro en punto de encontro e plataforma de presentación do talento audiovisual emerxente máis próximo e das producións máis recentes en formato curto xurdidas en Galicia. Farao con «GZ_00», unha sección que o Festival Internacional de Cinema de Bueu inclúe dende o ano pasado na súa programación e coa que busca achegar ao público o traballo de novas creadoras e novos creadores de curtametraxes dirixidas e/ou producidas na comunidade. A cita será o domingo 8, a partir das 18.30 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu. Na sección «GZ_00» o público poderá ver na gran pantalla catro películas desta nova xeración de cineastas de Galicia, que competirán para lograr o premio ao mellor curto galego do certame. As propostas seleccionadas tocan temáticas variadas, pero todas pertencen ao xénero documental.
Detrás dos títulos hai tres directoras e un director. Andrea Bouzo (Cambados, 1993) leva ao FICBUEU Kalabukú. A semente do cambio, que presenta a historia de catro mulleres de Oukout, en Senegal (kalabukú significa «as mulleres» en diola, a lingua local), que se reúnen cada domingo co seu grupo para autogestionar un sistema de microcréditos e organizar a colleita de arroz e que buscan un equilibrio entre a vida tradicional e a independencia económica. Coa mirada sempre posta no social e comprometida co xénero, Bouzo compaxina a súa faceta como realizadora de ficción, publicidade e documental coa de montadora. O seu último traballo é a montaxe da serie Marbella, dirixida por Dani da Torre para Movistar Plus+.
Queimar cando morra é obra de Inés Pintor, directora e guionista nada en Madrid en 1989 aínda que con orixes coruñesas. A curta é unha reflexión persoal sobre a familia, os recordos e a vida das mulleres nadas nos anos 30 a partir da morte da súa avoa Encarna e o achado nun armario dun paquete con obxectos, fotos e imaxes de súper 8 cunha nota que dicía: «Queimade á miña morte, padrenuestro e ao lume». Pintor traballou en series coma El Ministerio del Tiempo e películas coma Blancanieves, de Pablo Berger, Combustión, de Daniel Calparsoro, ou Musarañas, producida por Álex de la Iglesia. Desde 2016 traballa na súa propia produtora, A breve historia, e en 2021 creou con Pablo Santidrián a serie El tiempo que te doy para Netflix.
Historias da emigración
A coruñesa Anita Pico (A Coruña, 1996) estará en «GZ_00» con Segunda II, un retrato que descobre a vida de Segunda García, unha muller de 79 anos nada nunha aldea de Coristanco que desafía o seu propio nome protagonizando unha historia de superación excepcional. Pico, sobriña neta da protagonista da curtametraxe, a cuarta que realiza, é a fundadora da produtora Henfunk Studio. Traballou coma guionista en programas de TVE, BBC ou HBOMax España; acaba de dirixir a súa primeira serie dixital, a sitcom Pulp Air, e está a traballar na súa primeira longametraxe: Shido.
Hugo Amoedo (Redondela, 1987) completa a lista do emerxente talento cinematográfico galego que mostrará este ano o FICBUEU. Presentará pechar caixas abrir caixas, un documental autobiográfico rodado en súper 8 sobre o retorno que mestura dúas historias: a da mudanza do escritor Xavier Queipo, que regresa a Galicia despois de 30 anos asentado en Bruxelas, e a do propio autor, que non sabe como nin cando poderá volver á súa terra e, mentres tanto, insignia ao seu fillo para andar en bicicleta, dúbida, ten soños e ideas para películas e peléxase no portelo de correos. Amoedo, creador de varias curtas nas que adoita combinar elementos íntimos e políticos, o drama e a comedia, traballa tamén para a RTBF, a televisión belga francófona, como produtor audiovisual. Tamén traballa coma formador para as institucións europeas.
Estreas en España
A sección «Descubertas» proxectarase tamén o domingo 8 de setembro, desde as 21.00 horas. É unha aposta por proxectar algunhas das curtas máis vangardistas ou innovadoras de factura recente no mundo. Este ano, todos os filmes seleccionados son europeos e dous deles elixiron o FICBUEU para a súa estrea en España. Trátase de Scenic view, da artista visual e cineasta finlandesa Maija Blåfield, unha película experimental sobre a natureza que nos fala de como contemplamos unha paisaxe forestal, pero tamén de como contemplamos a realidade, e Intelligence, dos franceses Cosme Castro e Jeanne Frenkel. A curta, de corte fantástico, presenta a un home que traballa nun xornal e un día descobre nel a súa propia necrolóxica e que morrerá aos 45 anos.
Gran presenza da animación
As outras catro cintas exhibiranse por vez primeira en Galicia no marco do festival. Unha é Beautiful men, película de animación chegada de Países Baixos, obra de Nicolas Keppens sobre tres irmáns calvos que viaxan a Istambul para facerse un transplante de pelo e, atrapados nun hotel lonxe de casa, ven como as súas inseguridades crecen máis rápido que o seu cabelo. levou un premio no festival de Annecy.
The waiting, do alemán Volker Schlecht, é outra multipremiada curtametraxe de animación sobre Karen Lips, unha bióloga que describe a súa investigación sobre varias especies de ras da selva tropical de América Central e a súa misteriosa desaparición coma se estivese ante un caso criminal.
O tándem de realizadoras suízas Bianca Cadeiras e Kerstin Zemp asina Matta und matto, unha curta animada que imaxina un mundo onde o contacto físico está prohibido e só unha sorte de hotel ambulante satisfai a necesidade de acceder ao tacto, aínda que sexa de forma pouco convencional. A película percorreu xa festivais como Clermont-Ferrand, Melbourne, Sundance, SXSW e Buenos Aires, sendo o gañador no IndieLisboa e o Ann Arbor de Michigan (EE.UU.), un dos festivais de cinema independente e experimental máis importantes do mundo.
De Italia procede A Liña do Terminatore, de Gabriele Biasi. Esta cinta documental que foi nomeada en Venecia sobre a fuga de Fernanda González de Buenos Aires a Italia, mestura imaxes de arquivo de exploracións espaciais e vídeos familiares para contar a viaxe emocional da protagonista e a culpa que sente por deixar atrás aos seus seres queridos.
Alerta