28 agosto, 2024
IRIA MALVIDO PRESENTA A SÚA DIMISIÓN COMO CONCELLEIRA “POR RESPONSABILIDADE E POLO PROFUNDO AFECTO QUE TEÑO POR CANGAS E POLO MEU PARTIDO”
A tenente de alcalde de Cangas de Morrazo e voceira do grupo municipal socialista, Iria Malvido, presentará mañá a súa dimisión como concelleira asumindo así, en primeira persoa, as consecuencias dun “grave erro na súa vida privada” tras ter dado positivo nun control de alcoholemia durante a pasada madrugada nas celebracións das festas do Cristo.
Malvido, que xa esta mañá solicitara a baixa temporal na militancia e publicara un comunicado pedindo desculpas á cidadanía e asumindo toda a responsabilidade
“sen escusas de ningún tipo”, informou esta tarde ao secretario xeral provincial socialista, David Regades, da súa decisión persoal de dimitir “polo profundo afecto
que teño por Cangas e polo meu partido”. A renuncia será formalizada a primeira hora da mañá sen agardar, por tanto, á decisión da Comisión de Ética Federal.
David Regades agradeceu á concelleira canguesa o xesto e a súa “madurez política e persoal tras unha equivocación” e valorou expresamente “a dedicación e o gran
traballo desempeñado durante este case ano e medio”. Regades subliña que o Partido Socialista non só esixe exemplaridade a tódolos cargos públicos, “senón que
a practica en primeira persoa por doloroso que sexa”.
Iria Malvido, pola súa banda, comunicou o seu desexo de facer un recoñecemento a toda a veciñanza de Cangas que “nestas horas duras me expresou o seu apoio”, así como moi especialmente ao PSdeG-PSOE, “que é e será sempre o meu partido e ao que lle debo a honra de ter sido concelleira para traballar polo meu pobo”.
“Agardo que a miña dimisión sexa un grao de area para defender esa Política con maiúscula que sempre reivindiquei e reivindicarei; cometín un erro grave e asumo as
consecuencias persoais e tamén as políticas”.
Alerta