1 octubre, 2024
O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra ten en marcha o proceso electoral interno para a elección da súa Delegación no 41º Congreso Federal de Sevilla, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro, no que o partido abordará os retos que veñen nun momento político crucial para unha España que avanza cunha senda progresista e social clara.
Todo indica que o secretario xeral provincial, David Regades, presidirá a delegación que se desprazará á capital sevillana, dado que só se presentou o seu nome durante o prazo habilitado, ratificando así, unha vez máis o clima de consenso que existe no socialismo provincial. O segundo paso neste proceso orgánico ábrese a partir mañá, martes, pois David Regades deberá reunir un 12% de avais entre a militancia da provincia nos próximos días para ratificar a presidencia da súa candidatura como líder da delegación dunha das provincias máis representativas no mapa do socialismo español.
David Regades recalcou que “a democracia interna deste partido segue engraxada e, como sempre, a militancia ten a palabra”. Por elo, adiantou que a partir de hoxe mesmo comezará a solicitar o aval dos compañeiros e compañeiras de partido.
Regades afirma que o 41º Congreso de Sevilla “xa vén de antemán cunha boa nova, como é que o compañeiro Pedro Sánchez deu un paso adiante e volve solicitar a nosa confianza para continuar como secretario xeral federal”. A seu xuízo, “iso non só é unha boa nova para o PSOE, senón para España, que precisa de seguir camiñando nesta senda de progreso, con máis dereitos e libertades, cun crecemento económico á cabeza de Europa e cun compromiso ético inquebrantable en defensa dos valores esenciais da democracia”.
Por outra banda, o próximo xoves reúnese en Pontevedra a Executiva provincial para analizar os pasos do proceso electoral interno e ir avanzando na configuración da Delegación da provincia de Pontevedra no Congreso de Sevilla, que estará formada por 18 delegados/as e varios/as invitados/as.
Alerta