Deputación e EOI lanzan unha iniciativa para reforzar os proxectos empresariais das persoas que participaron nos coworking de Barro

Compartir

A Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), ven de por en marcha unha nova iniciativa para fortalecer a consolidación e crecemento dos proxectos empresariais en activo das persoas emprendedoras que superaron o programa Coworking de Barro nalgunha das súas seis edicións, celebradas entre 2017 e abril de 2021.

Nesta acción de reforzo, que se desenvolve entre xullo e novembro de 2021, participan 61 persoas (37 mulleres e 24 homes) de toda a provincia, con proxectos empresariais de perfís moi diversos, que abarcan desde o eido cultural e audiovisual ou a artesanía, á big data, pasando pola oferta de servizos e produtos sostibles, o turismo, o impulso ao rural, o sector agroalimentario ou servizos destinados a empresas.

Durante este verán, acceden a titorías persoais para detectar as necesidades de apoio de cada unha delas e a partir de setembro terán acceso aos contidos e apoio preciso mediante asesoramentos individuais con persoas expertas e unha formación grupal a través de cinco obradoiros en liña.

Os contidos máis demandados polas persoas participantes están relacionados co uso das novas tecnoloxías, a xestión e o financiamento. O interese céntrase principalmente no impulso ás vendas por internet, o uso de sistemas de crowdfunding e o acceso a fontes institucionais de financiamento, así como a optimización das funcionalidades e optimización do perfís profesionais en redes sociais de traballo para conseguir contactos cualificados para os seus negocios e o manexo de ferramentas dixitais de control de xestión, así como a medición e avaliación dos resultados dos investimentos e accións de tipo publicitario en buscadores, redes sociais e plataformas en liña.