Deputación e ESADg convovan o “II Certame de Microteatro da Memoria”

Compartir
Convenio ESADg. Fonte: Deputación

A deputada de Memoria Histórica María Ortega e o novo director da ESADg, Roberto Relova, asinaron un novo convenio de colaboración.

As bases estarán dispoñibles dende o día 2 de novembro en depo.gal e as pezas poderanse presentar ata o 30 de novembro.

 

Seguindo o camiño de “facer memoria” coa xente moza a Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vén de renovar o seu acordo de colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg), para celebrar a segunda edición do Certame de Microteatro da Memoria e consolidalo como unha actividade provincial.

A nova edición toma o relevo do certame do ano pasado, que segundo explicou a deputada responsable da área, María Ortega, foi todo un éxito xa que foron moitas as persoas alumnas e ex alumnas da ESADg as que presentaron as súas pezas a concurso. Ademais, a obra gañadora, ‘Un biolo na noite’ de Ana Abad de Larriva recolleu a inquedanza do departamento ao crear a iniciativa “de abordar a memoria histórica dende unha perspectiva de xénero, país e clase”.

 

Convenio ESADg. Fonte: Deputación

 

A deputada agradeceu á ESADg a súa implicación neste proxecto, así como en todos aqueles outros que “lle lanzamos dende a Deputación de Pontevedra” e subliñou a importancia de utilizar formatos diferentes e non habituais para abordar unha temática, a memoria, que, como se di nas bases do certame, ás veces “está esquecida”.

Pola súa banda, o director da ESAD Roberto Relova manifestou tamén o agradecemento á Deputación por “todo o cariño e o afecto”, amosado co único centro de formación de arte dramática de Galiza, do que dixo “está a loitar por ser un espazo libre, femista, e onde a memoria ten moitísimo percorrido e moitísima importancia”.

O certame é unha motivación para a ESADg, segundo Relova, porque implica investigación, pedagoxía e que o alumnado se implique “con historias serias e rigorosas que teñen que ver coas historias do seu pobo”. Subliñou que hai moita receptividade e un interese enorme en que se asinase o convenio porque “son oportunidades de conciencia, pedagóxicas e de práctica. Únese todo nun proxecto que fai país: proxéctase a lingua, proxéctase a nosa memoria, aa nosa historia, e queremos estar aí”, finalizou o novo responsable da Escola.

 

Convenio ESADg. Fonte: Deputación

 

As bases para participar no certame estarán dispoñibles na web da Deputación, (depo.gal), e da ESAD dende o vindeiro martes 2 de novembro. Poderá presentarse calquera persoa que así o desexe, achegando pezas curtas, (cunha extensión máxima de 20 folios a unha cara), de estilo libre e en lingua galega. O premio único está dotado de 500 euros.

O prazo de presentación finaliza ás 00:00 do 30 de novembro, debendo realizar entrega telemática ao correo electrónico esad.galicia@edu.xunta.es co asunto ‘II Certame de Microteatro da memoria’. O xurado estará conformado pola persoa xefa do Servizo de Dinamización da Lingua Galega da ESADg ou persoa en que delegue, unha persoa docente da ESADg, e unha persoa que designe a Deputación.