23 septiembre, 2021
O proxecto inclúe a instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, para evitar caídas e a eliminación da contaminación acústica mediante un novo peche perimetral anti sonoro.
Pintarase a cancha de fútbol, renovaranse as porterías, colocaranse papeleiras e bancos con respaldo, substituirase a deteriorada fonte e crearanse zonas de estancia no contorno da pista.
Un proxecto de reforma integral impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural permitirá executar antes de que remate o ano un conxunto de actuacións de mellora paisaxística e da seguridade das zonas verdes e deportivas do Parque Maruxa Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruxa Mallo. A intervención, na que o departamento que dirixe o socialista Iván Puentes investirá 69.975,69 euros, inclúe entre os seus obxectivos a optimización da seguranza no noiro existente a través da instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, evitando caídas dos nen@s e adult@s que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol, e a eliminación da contaminación acústica mediante o cambio do actual peche da devandita pista de fútbol por un pechamento anti sonoro ao longo de todo o perímetro (tamén se pintará a mesma e instalaranse novas porterías).
En base á memoria valorada redactada polo enxeñeiro de montes Diego Pereira, a formulación deste proxecto busca acadar unha mellora do valor paisaxístico deste espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega, que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada. Tamén se procura o incremento da capacidade de acollida e confort do parque coa reforma dos bancos, dotándoos de respaldo, a colocación de papeleiras e a substitución da deteriorada fonte, e a súa conversión nun punto de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades de lecer a través da instalación de zonas de estancia con mesas e bancos corridos de madeira no contorno da pista de fútbol. Asemade, incorporaranse os novos criterios de deseño dos parques e xardíns para que se garantan unhas óptimas condicións sanitarias dentro da nova normalidade provocada pola pandemia da Covid-19.
Segundo explica o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “na preparación do proxecto observouse un notable deterioro da superficie do parque infantil, polo que tamén será prioritaria a substitución do actual por outro de semellantes características”. “Da mesma forma, faise necesario pintar a superficie da cancha de fútbol, que na actualidade se atopa deteriorada, marcando o terreo de xogo para as diferentes disciplinas practicadas segundo as normas deportivas. Utilizarase unha pintura axeitada á práctica do fútbol, o baloncesto e outras disciplinas deportivas ao aire libre”, precisou o edil do PSOE.
Recuperación e mellora dos sendeiros
Na memoria valorada faise fincapé na necesidade de recuperar os carreiros do contorno do parque, xa que se atopan deteriorados pola formación de pequenas escorrentías de auga da choiva e polo frecuente paso de persoas. A intervención, que ten un prazo de execución previsto de mes e medio desde o seu inicio, contempla a creación de sendeiros na zona norte do parque, que na actualidade non existen, e a dotación de céspedes cun mínimo de calidade desde o punto do vista estrutural e visual: estarán formados por unha mestura de especies axeitada ás características específicas de cada zona (sombra, sol, uso, redución de consumo de auga…) e, no caso de céspedes creados a partir de terróns, realizarase unha nivelación axeitada da base sobre a que se asentan.
Tal e como sinala Iván Puentes, “desde o punto de vista do confort, apréciase un notable déficit de sombra en diversas zonas do parque e tamén se pretende dar resposta á demanda de puntos de socialización, descanso e lecer no contorno do parque de xogos por parte da veciñanza da Parda”. Así, coa finalidade de garantir unha axeitada relación sol/sombra, formúlase unha proposta de plantación de arborado nos xardíns, nos que se incorporarán especies coherentes coas existentes tanto a nivel de volumetría como de composición xeral.
En concreto, a especie proposta para o contorno do parque infantil será o bidueiro, e ao leste da zona de xogos a tipuana, que tamén se plantará para dar sombra na lateral da cancha de fútbol. Nas zonas norte e sur empregarase o aligustre variegado e, de xeito singular, plantaranse dous braquiquitos vermellos, (brachychiton acerifolius), nas áreas próximas ás novas zonas de convivencia.
Por outra banda, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, apunta que “a incorporación dun estrato arbustivo neste parque é imperativa para superar o actual estado de xardín inacabado que presenta este espazo, en particular a zona do noiro”, polo que “se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha axeitada calidade paisaxística ao longo de todo o ano”.
O proxecto plantexa a instalación dun sistema de rega automatizado mediante o soterrado de tubarías, por goteo en zonas arbustivas do noiro e aspersión e rega con difusores no céspede, (o último para as franxas máis estreitas).Este sistema será centralizado mediante electroválvulas en arquetas para a automatización mediante programador.
Tres conxuntos de mesas con dous bancos corridos accesibles.
A renovación paisaxística deseñada para o Parque Maruxa Mallo contempla a colocación de tres conxuntos de mesas con dous bancos corridos accesibles en cada unha distribuídas entre as árbores. Asemade recolocaranse os tres bancos existentes no interior da zona verde, á beira do camiño contiguo á pista de fútbol e do parque de xogos. Os bancos de pedra serán pulidos e dotados de repousabrazos metálicos e respaldo en madeira. Do mesmo xeito, substituirase a fonte de auga, actualmente moi deteriorada, e instalaranse catro papeleiras no contorno e nas zonas de acceso ao parque.
O socialista Iván Puentes constata que “o barrio da Parda e, dun xeito xeral, a zona Leste de Pontevedra, é agora mesmo, como o vén sendo nas dúas últimas décadas, a área de maior desenvolvemento urbano da nosa cidade, con equipamentos e servizos como o Conservatorio de Música, o Centro de Saúde ou a Escola Infantil”, así como “o barrio que máis espazos verdes ten a disposición dos seus veciños dentro do Concello”, o que “xustifica sobradamente o esforzo desta Concellería por dotalo de parques en condicións óptimas a nivel paisaxístico, estético, de seguridade e de confort”.
Alerta