28 agosto, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, acompañarán, dende este domingo ata o mércores 4 de setembro, a delegación paralímpica galega participante nos Xogos de París que comezan hoxe. Son 14 os deportistas galegos e galegas nestes Xogos: Adi Iglesias, Desi Vila e Gustavo Nieves (atletismo), Vicky Alonso e Manuel Lorenzo (baloncesto), Damián Ramos (ciclismo), Judith Rodríguez (esgrima), Jacobo Garrido e Juan Ferrón (natación), Adrián Mosquera e Araceli Menduíña (piragüismo), Martín de la Puente (tenis), Juan Antonio Saavedra (tiro olímpico)
e Susana Rodríguez (tríatlon).
O conselleiro e o secretario xeral compartirán varios momentos do día cos deportistas galegos e españois na Vila Paralímpica e trasladaranlles o seu ánimo e apoio en nome de toda Galicia para que consigan acadar importantes éxitos en París. Ademais, asistirán ás probas de tríatlon PTVI de Susana Rodríguez na mañá do 2 de setembro, así como á final dos 100 metros lisos T13 no serán do día 3, na que se agarda que estea Adi Iglesias.
Cómpre lembrar que nestas dúas probas, ambas as deportistas acadaron a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Toquio polo que son, de novo, unha clara opción de medalla.
Neste sentido, cómpre lembrar a grande actuación dos deportistas galegos paralímpicos en Toquio, que regresaron no seu 87,5% entre os oito mellores do mundo. Sinalar tamén o excelente rendemento dos 31 deportistas galegos ou con licenza galega que competiron nos pasados Xogos Olímpicos de París, acadando cinco medallas e 11 diplomas olímpicos para a delegación española (seis medallistas e 14 deportistas con diploma).
Alerta