9 agosto, 2024
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, o EncestaRías 2024, que inclúe a celebración de EncestaRía Ferrol o 30 e o 31 de agosto na cidade ferrolá e o tradicional Torneo EncestaRías, o 13 e 14 de setembro en Pontevedra. No acto, destacou que este campionato demostra que Galicia conta con baloncesto de calidade e demostra o potencial para acoller as mellores competicións deste deporte.
Así, no que se refire a Ferrol lembrou que se trata dunha cidade que sempre foi estandarte do baloncesto co OAR Ferrol como referente dentro de Galicia e España e tamén desde que acolleu o Mundial de 1986.
O baloncesto galego -engadiu o conselleiro de Deportes- tamén “está de moda” coa participación nos Xogos Olímpicos de París da selección do galego Miguel Méndez e coas xogadoras tamén galegas María Araújo e Paula Ginzo. Precisamente ambas formaron
parte do Baxi Ferrol e o Ensino Lugo respectivamente, os dous equipos que disputarán no pavillón da Malata o sábado 31 de agosto ás 19,00 horas o partido amistoso de elite feminino.
Ao mesmo tempo, tanto o venres 30 como o sábado 31 de agosto, a zona do porto deportivo ferrolá acollerá o torneo de 3×3 amateur. Nesta liña, Diego Calvo lembrou que nas Olimpíadas de París a selección española feminina de 3×3 recibiu unha medalla de prata.
A competición trasladarase o 13 e 14 de setembro Pontevedra con equipos nacionais e europeos do baloncesto masculino participantes no tradicional Torneo EncestaRías. Esta parte do evento, que habitualmente se celebra no pavillón de Fontecarmoa, actualmente en obras, levarase a cabo neste ano no pavillón municipal da cidade pontevedresa.
O conselleiro de Deportes destacou a calidade dos equipos participantes que abrirán o torneo o venres 13 de setembro coas semifinais entre o Leyma Coruña co Valencia Basket e, por outra parte, o Río Breogán fronte ao AS Mónaco Basket. Os vencedores xogarán a final do sábado 14.
A Xunta apoia este evento cunha achega de 20.000 euros para os partidos en ambas sedes no marco das axudas a este deporte como o apoio a través do convenio anual coa Federación Galega de Baloncesto, que neste exercicio conta cun orzamento de máis de 297.200 euros, un 45% máis que en 2018.
A boa saúde do baloncesto galego tamén se reflicte no número de licenzas deste deporte ao rozar xa as 16.000, 3.000 máis que en 2009. No mesmo período as licenzas femininas duplicáronse de 3.000 a 7.000, o que demostra que cada vez máis mulleres xogan ao baloncesto.
Alerta