Emigración e Turismo acompañan aos galegos do exterior que participan no programa “Conecta co Xacobeo” no tramo de Bendoiro (Lalín) da Vía da Prata

Compartir

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, acompañaron na mañá de hoxe aos galegos do exterior que participan no programa “Conecta co Xacobeo” na etapa de Bendoiro da Vía da Prata.

Despois de que onte os case cen galegos que están a participar nesta iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración puideran realizar unha xornada de lecer coñecendo o Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil e posteriormente realizaran unha viaxe en catamarán polos canóns do río Sil, hoxe retomaron os novos tramos dos camiños que están a realizar en dous grupos: o Camiño Portugués, chegando ata Padrón e dende Bendoiro en Lalín ata Bandeira os que realizan a Vía da Prata.

Tanto Nava Castro como Rodríguez Miranda recordaron que se trata dun programa que ten coma obxectivo dar un pulo ás entidades e centros galegos e aos seus asociados, que sufriron durante estes meses as limitacións a causa da pandemia e deste xeito, convertelos en promotores do Camiño de Santiago en tódolos lugares onde teñen a súa sede.

Recordar que se trata dun centenar de persoas vinculadas aos centros galegos de España e de Europa que están a realizar, dende o pasado domingo, ambos camiños dentro do programa “Conecta co Xacobeo” que organiza a Secretaría Xeral da Emigración.