Emotivo homenaxe a César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra

Compartir

O vicepresidente  da Deputación, César Mosquera, agasallado por sorpresa con motivo do seu 30º aniversario como deputado.

O Goberno provincial fixo hoxe un recoñecemento ao vicepresidente, César Mosquera, que mañá, sábado, cumpre 30 anos como deputado provincial. Ao remate da sesión ordinaria da Xunta de Goberno foi agasallado por sorpresa cun pastel de nata e chocolate decorado cun sinal de limitación de velocidade a 30 Km/h e as correspondentes velas con esta mesma cifra. No acto participaron tódolas/os deputadas/os presentes, ademais do arquitecto Jesús Fole, que foi o encargado de entrar na sala de xuntas co doce conmemorativo.

Mosquera agradeceu o xesto e bromeou lembrando que cando se converteu en deputado no ano 91 “fíxeno coa condición de que no 95 marchaba”. Explicou que estaba a valorar unha oferta da Universidade de Barcelona nun momento da súa vida no que elaboraba a súa tese doutoral. “Pois ao chegar o ano 95”, continuou, “o alcalde (de Pontevedra) puxo como condición que eu fora na listaxe ou el tamén o deixaba; así que repetín”, engadiu. O vicepresidente concluíu que neste tempo viu pasar a moita xente pola Corporación provincial “e abofé que moitos dos que xa non están querían repetir”.

A presidenta Carmela Silva explicou que a homenaxe a Mosquera fíxose “porque o queremos” e tamén “porque a política é unha actividade humana moi importante, exercida por persoas que deixan parte da súa vida para transformar o espazo onde viven”. “César cumpre 30 anos de servizo, e fronte aos que din que a política é algo cuestionable, neste Goberno consideramos que é todo o contrario”. Carmela Silva cualificou como “merecida” esta homenaxe “a unha persoa que ten achegado moito á política e que ten un gran sentido do público e do ben común”.