En Vilagarcía, a mellora progresiva do saneamento continúa coa renovación da maquinaria dos bombeos de Zamar e Fontecarmoa

Compartir

O plan de mellora do saneamento municipal que está levando a cabo o Concello de Vilagarcía de forma progresiva e constante continúa con dúas novas actuacións de substitución da maquinaria dos bombeos. Neste caso, a renovación dos equipamentos beneficiará ás estacións de Zamar e Fontecarmoa, para as cales a Xunta de Goberno Local vén de aprobar o gasto de 5.800 euros destinados a cambiar a maquinaria. A compra adxudicouse á empresa Sulzer Pupms.

Esta é unha máis das numerosas medidas que o Concello de Vilagarcía está a adoptar para mellorar e garantir o correcto funcionamento do saneamento, e que consisten tanto no que a obras de ampliación da rede e renovación das canalizacións se refire, como á renovación da maquinaria dos 52 bombeos existentes en Vilagarcía, ampliación da súa capacidade e incremento da potencia dos sistemas de impulsión. Só neste último apartado, no que se enmarca a actuación prevista agora nas estacións de Zamar e Fontecarmoa, o executivo local leva investidos nos últimos anos máis de 350.000 euros en actuacións como as levadas a cabo nas estacións de bombeo de A Torre, Carril, Sobreiral (Cea), O Salgueiral (Bamio), unha previa na de Fontecarmoa, Bamio, nas dúas de Mar Pequeño (Bamio) e de Cea, na de O Lago (Cea), Vilaxoán, Camposán e Trabanca Badiña. Tamén como mellora do funcionamento dos bombeos, hai uns meses destináronse 16.335 euros á instalación dun sistema de enreixado para colocar nas 5 instalacións máis importantes do municipio (Carril, A Praza 1 e A Praza 2, Camposán e Vilaxoán), e afectos de evitar o seu colapso pola acumulación de áridos e residuos sólidos.