Cun susto e con danos materiais saldouse o incendio dun piso acontecido a pasada madrugada na avenida Agustín Romero, onde a rapidez de actuación da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias, os primeiros en chegar ao lugar, lograron rescatar á inquilina da vivenda e practicarlle os primeiros auxilios. O operativo contou tamén coa presenza da Policía Nacional e dos Bombeiro do Salnés que completaron a intervención. A muller, unha vilagarciá de 58 anos de idade, foi trasladada ao Hospital do Salnés con prognóstico reservado.
Segundo informa a Policía local, a alerta chegou ás tres da madrugada, indicando que había un incendio no número 4 da avenida Agustín Romero, a mesma rúa onde ten establecida a base o Servizo Municipal de Emerxencias, que acudiu ao instante ao lugar. O lume concentrábase nunha vivenda do terceiro andar, habitada unicamente por unha muller. Os efectivos de Emerxencias subiron e atoparon á inquilina semi inconsciente na entrada do piso. Unha vez trasladada á rúa e dado que presentaba síntomas de asfixia por inhalación de fume, foron os mesmos efectivos municipais os encargados de practicarlle os primeiros auxilio ata que chegaron os servizos médicos na ambulancia, que a trasladou ao Hospital do Salnés con prognóstico reservado.
Como o incendio aínda non estaba moi desenvolvido, as labores de extinción do lume levadas a cabo polos Bombeiros remataron pronto, constatando os técnicos que había varios focos dispersos pola vivenda, razón pola cal a Policía Xudicial instrúe as pertinentes dilixencias.
O edificio afectado, no que residían outras persoas, foi desaloxado mentres se realizaron os traballos de extinción. Unha vez comprobado que non existía risco no resto dos pisos, os veciños puideron regresar as súas vivendas. Os danos materias rexistrados concéntranse exclusivamente no piso incendiado e no tiro da escaleira, que quedou cuberto da feluxe deixada polo fume