3 julio, 2025
A Asociación de Comerciantes e Empresarios das Travesas (AETRAVI) vén de poñer en marcha unha nova campaña de promoción do comercio de proximidade baixo o lema “En Xullo, Sorpresas!!”, que estará vixente ata o vindeiro 18 de xullo nos establecementos adheridos ao Centro Comercial Aberto das Travesas.
O obxectivo da campaña é fomentar o consumo nos comercios locais durante o verán, premiando aos clientes con agasallos directos e promocións cruzadas entre os distintos establecementos da zona.
No acto de presentación participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, quen destacou o labor de AETRAVI como exemplo de colaboración entre administracións e tecido asociativo para revitalizar a economía local e apoiar aos pequenos negocios.
A dinámica é sinxela: por cada compra igual ou superior a 30 euros nun dos comercios participantes, os clientes recibirán un sobre sorpresa, que poderá conter dous tipos de premios:
Premios cruzados, ofrecidos por outro establecemento participante, o que promove o coñecemento mutuo e o tránsito de clientes entre distintos comercios do barrio.
Ou ben un agasallo directo da Asociación, consistente nunha bolsa de algodón reutilizable de deseño exclusivo “Aetravi”, ata fin de existencias.
Ademais, durante esta semana e a próxima, un equipo de animación está a percorrer as rúas comerciais das Travesas repartindo tarxetas promocionais entre os viandantes, que tamén poderán trocarse por un sobre sempre que se realice unha compra mínima no comercio local.
AETRAVI, entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 1998, leva máis de dúas décadas traballando a prol da dinamización comercial da zona das Travesas, ofrecendo servizos aos seus asociados e consolidando o Centro Comercial Aberto como un referente no comercio de proximidade en Vigo.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, no marco dos proxectos de dinamización do tecido económico e empresarial urbano.
Con “Xullo Sorpresa”, AETRAVI reafirma o seu compromiso co comercio sostible, próximo e humano, apostando por fórmulas creativas que dean valor aos establecementos da zona e premien a fidelidade da clientela.
Alerta