#escolamariavinyals, as políticas públicas estatais e autonómicas de igualdade no centro do debate, no Castelo de Soutomior

Compartir
Entrega Camelia relatoras. Fonte: Concello

Beatriz Gimeno e Soledad Murillo apelan á necesidade de transformar o mundo dende o estrutural, e espallar a igualdade de xeito transversal.

As directoras de Igualdade dos gobernos de Euskadi, Asturias e Navarra puxeron no aceno nos riscos de retroceso, e falta de consolidación.

 

As políticas públicas nacionais e autonómicas foron analizadas durante as dúas primeiras mesas do I Encontro Nacional de Políticas Públicas nas que interviñeron Soledad Murillo, profesora de Socioloxía da Universidade de Salamanca, e ex secretaria de Estado de Igualdade; Beatriz Gimeno, ex directora do Instituto das Mulleres; Izaskun Landaina, directora xeral do Instituto Vasco da Muller; Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias; e Eva Istúriz, directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade.

Para Beatriz Gimeno “estamos nun momento de reformulamento das políticas públicas no que hai que ir máis aló da lexislación e estudar como levar esa lexislación á práctica, usando as leis para transformar o estrutural”. Ao respecto a ex directora do Instituto das Mulleres destacou que en políticas públicas, “sempre estamos co urxente e cómpre ir ao estrutural, porque as resistencias ao estrutural son enormes e é aí onde hai que actuar”. Por elo, apelou á necesidade de traballar no ámbito educativo e na importancia de espallar a igualdade de xeito transversal. Tamén destacou que “hai cuestións que dende as políticas públicas debemos facerlles fronte urxentemente”, como “reideoloxizar” o feminismo, abordar de xeito estrutural a problemática das violencias machistas, “que seguirán existindo mentres haxa patriarcado”, ou analizar e debater sobre as masculinidades, a división sexual do traballo, a feminización da pobreza, a fenda salarial e os chans pegañentos.

 

Soutomaior. Fonte: Concello

 

Ao igual que Gimeno, Soledad Murillo tamén fixo fincapé na importancia e necesidade de actuar no estrutural e impulsar de xeito transversal a igualdade. Así, a ex secretaria de Estado detallou que a Lei de Igualdade “propuxo a transversalidade institucionalizando, dando lexitimidade para o que se precisan persoas, funcionarias, técnicas, que entendan esa axenda política como parte fundamental da súa xestión”. Neste eido, incidiu en que “a transversalidade non é organizar actos con motivo do 25 de novembro ou do 8 de marzo, senón orzamento e relación de postos de traballo”. Tamén afondou Murillo na necesidade de que as mulleres academos recoñecemento e reciprocidade, e, para conseguilo, formulou como retos integrar os discursos feministas diferentes e separar a axenda da igualdade da diversidade. Finalmente destacou a necesidade de establecer posición con respecto aos coidados e amosou a súa preocupación polo liberalismo dixital.

 

Soutomaior.

 

Políticas públicas autonómicas
Na mesa dedicada ás “Políticas Públicas Autonómicas” moderada pola xornalista e directora de Nós Diario, María Obelleiro, Nuria Varela, directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, puxo o foco na necesidade de que a Universidade se implique na loita pola igualdade: “É o gran pozo negro, tanto por  acción como por inacción –lamentou-. Hai un baleiro incrible a estas alturas. Aínda non temos ámbito de coñecemento de estudos feministas e iso imprégnao todo porque nos fai ir por detrás. Imos por detrás sempre. Os e as interventoras non saben de políticas de igualdade, incluso traballadoras dos organismos de igualdade, porque nin sequera temos axentes de igualdade normalizadas na súa actividade”.

 

Soutomaior. Fonte: Concello.

 

Varela amosouse crítica ao sinalar que se están a facer “políticas de substitución, pero non de igualdade; en xeral o noso mandato é para facer políticas de igualdade, que parece unha cousa clara, cando o que facemos son políticas sociais”. Neste senso citou as políticas contra a violencia de xénero, que están a ser “asistenciais”. “Estamos ao final do proceso, poñendo os coidados e asistindo ás vítimas, falando de recursos habitacionais como se as vítimas foran todas pobres. O que necesitan son recursos vitais, que lles xeremos todos os instrumentos e lles poidamos ofrecer políticas públicas para retomar as rendas da súa vida”. “Temos a teoría, boas leis, e temos que evitar que se estraguen –engadiu Varela-  Temos que dar o seguinte paso de mellorar os procedementos, evitar que se nos bote do terreo de xogo antes de que comece a partida, que é o que sufrimos agora desde as políticas de igualdade

Pola súa banda, Izaskun Landaia, directora xeral do Instituto Vasco da Muller, detallou as diferentes normativas que teñen feito de Euskadi un referente en políticas de igualdade, pero incidiu na necesidade de “estar alerta, porque os dereitos conquistados poden poñerse en perigo”. “A sociedade está máis concienciada pero é necesario recordar que a inercia que ameaza á igualdade é poderosa e co  avance da ultradereita están a abrirse debates que críamos superados, e se cuestionan avances consensuados. A chegada de Vox, subliñou, está escorando cara a posicións máis conservadoras a outros partidos coa compra dos seus discursos e todas sabemos que efectos teñen”. “A única forma de facer fronte a esta realidade é facelo desde a unidade, alianzas e pactos estratéxicos, cada unha desde o noso ámbito de influencia, e impulsar os pactos entre mulleres, a sororidade”. Concluíu sinalando a necesidade de falar de igualdade en “termos de innovación social”. “O traballo pola igualdade non ven de cero. Existe unha xenealoxía feminista e debemos manter ese compromiso para impulsar a transformación, sendo conscientes de que o traballo en equipo vai ser  beneficioso para toda a sociedade”.

 

Soutomaior.

 

Finalmente, Eva Istúriz, directora xerente do Instituto Navarro para a Igualdade, subliñou a necesidade que de “a axenda política estea vinculada coa axenda feminista; non hai outra” . “Levo escoitando a hostilidade xa desde que estiven no ámbito local, contou. Ao traballar en políticas públicas de igualdade non nos van recibir cos brazos abertos. No 8M do 2018 pensamos que ía mudar… Pero non foi así”. “Os organismos de igualdade teñen que volver á orixe, son produto do feminismo e aí teñen que volver,destacou. Os organismos necesitan persoal especializado en políticas públicas de igualdade feministas que permitan construír autoridade e xerar condicións para a súa sostibilidade mentres establecen alianzas co movemento feminista. E temos que innovar, unha innovación social que se ten que axustar coa dixitalización”.

Sinalou que hoxe seguimos a ver os “síntomas” da desigualdade como a violencia contra as mulleres ou a crise de coidados, “pero hai que ver as causas, que son o patriarcado e a misoxinia, que lonxe de ir a menos vai a máis e máis”. A experta lamentou que aínda “aínda non están recoñecidas as axentes de igualdade” que nos seus inicios eran coñecidas como “as comisarias de Bibiana Aído”. E concluíu citando a Concepción Arenal coa frase “todas as cousas son imposibles mentres o parecen” e lembrando que a pesar de que se ten acadado moito”.