9 noviembre, 2021
O documento asinado esta pasada madrugada inclúe as reivindicacións de 16 mulleres das letras, da cultura e da política adoptadas tralo “Encontro de Escritoras”, promovido pola Deputación no Castelo de Soutomaior.
Crearase un Observatorio para validar o seguimento das reivindicacións do Manifesto, que será remitido á Xunta de Galicia, aos grupos parlamentarios, á Fegamp e ao mundo da cultura.
Ata doce decisións, “que serán o motor de traballo futuro para conseguir a igualdade”, foron adoptadas esta pasada madrugada por un nutrido grupo de mulleres, autoras e editoras galegas xunto á presidenta da Deputación Carmela Silva e á presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, para facer fronte á desigualdade no mundo literario.
O “Manifesto de Soutomaior”, como así se chama o documento asinado polas 16 mulleres e que toma como exemplo o modelo do manifesto “Seneca Falls” do século XIX, inclúe a denuncia das diferentes situacións de desigualdade no mundo da escrita e propón todo un Plan de Acción para rachar con ela. O documento, que recolle todas as reivindicacións, será remitido de forma inmediata á Xunta de Galicia, aos grupos parlamentarios e á Fegamp para que o faga chegar aos concellos galegos, así como ao sector da cultura para que sexa asinado por todas as mulleres creadoras nos diferentes eidos e os homes que se queiran sumar.
O “Manifesto de Soutomaior” foi subscrito polas escritoras Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Ledicia Costas, Mercedes Corbillón, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas , Aratnza Portabales, Elvira Ribeiro e Regina Vega, amais de Carmela Silva, Fátima Anllo e Victoria Alonso. Todas elas, que participaron no Encontro do Castelo, coinciden en que “século e medio despois, a discriminación das mulleres continúa en todos os espazos públicos e privados…
No mundo editorial e literario galego a situación das autoras e editoras é, aínda, desalentadora”. Ao respecto, as mulleres asinantes fan referencia a que soamente 6 mulleres ocupan unha das 30 cadeiras da Real Academia Galega, que en toda a historia da Real Academia Española soamente 11 mulleres foron académicas ou que só 6 mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas fronte a 56 homes.
Tamén manifestan que as autoras obteñen menos premios que os homes, que existe unha ausencia case total de mulleres críticas literarias que ocupan espazos relevantes de opinión e que moi poucas chegan a postos de dirección e liderado nas grandes editoriais galegas ou en organismos públicos culturais. Precisamente destes datos, que serven de contexto da desigualdade nas letras, parte a denuncia que formulan as mulleres e que xira arredor da escasa representación nos xurados do principais concursos literarios e de dramaturxia, na Real Academia Galega, no Día das Letras Galegas, nos libros de texto de colexios, institutos e universidades, nas antoloxías de diversos xéneros, nas recensións críticas, nos suplementos culturais, nos espazos de opinión ou en actos e actividades culturais relacionadas coa literatura.
Un Plan con doce liñas de acción e un Observatorio de Seguimento
Fronte á inxusta situación das mulleres na escrita, as asinantes do “Manifesto de Soutomaior” formulan doce liñas de acción para rachar contra a desigualdade. Entre elas atópanse esixir que se cumpra o artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade relativo ao fomento da igualdade na creación e produción artística e intelectual e a súa difusión; reclamar paridade nos xurados dos premios literarios que se realicen en Galicia por institucións públicas e privadas e tamén nas edicións de antoloxías; esixir a inclusión obrigatoria de escritoras galegas e as súas obras nos plans de estudo de colexios, institutos e universidades galegas, así como o recoñecemento das obras de escritoras galegas e da súa traxectoria mediante premios, homenaxes, adxudicación de nomes de rúas e creación de monumentos e esculturas.
Tamén reclaman que as cadeiras da Real Academia Galega sexan ocupadas por mulleres nos vindeiros dez anos; e esixen da mesma forma que nos próximos dez anos o Día das Letras Galegas homenaxee a mulleres. Igualmente, demandan a incorporación de novos contidos curriculares en todas as etapas educativas; reclaman a participación de mulleres nas recensións críticas e incentivar a crítica literaria realizada por mulleres; fomentar a venda de libros escritos por mulleres e a visibilización de autoras e editoras coa presentacións da súa obra en espazos públicos e privados, así como revisar o canon literario de forma permanente.
As asinantes do documento anunciaron a creación dun Observatorio para o seguimento das reclamacións e avaliación das medidas, e a posta en marcha dun novo encontro no próximo mes de xaneiro para definir pautas de traballo e un calendario de reunións trimestrais. Tamén se confirmou a organización dunha ambiciosa acción coa Asociación Clásicas e Modernas, para a posta en valor da figura de María Vinyals e o que significa no ámbito de lexitimación das mulleres da cultura.
Alerta