Esgotadas nun día as 200 prazas para a última proba deste ano do programa “Depo Orienta” en Cambados

Compartir

O programa “Depo Orienta” da Deputación de Pontevedra pechará a súa actual edición cunha excepcional acollida que rachou con todas as expectativas. Deste xeito, trala apertura do prazo de inscrición o pasado luns 20, as 200 prazas para a terceira e última proba prevista para este 2021 en Cambados esgotáronse en tan só 24 horas e xa hai persoas en lista de agarda para participar nesta ruta.

A institución provincial colgará así este ano o cartel de completo nas tres probas previstas neste programa e que están dirixidas ás persoas amantes do deporte sustentable, a natureza e a orientación: a celebrada xa o pasado día 5 no Monte do Galiñeiro en Gondomar, a prevista para este vindeiro domingo 26 no Monte do Acibal en Barro, que tamén ten desde hai días as 200 prazas esgotadas, e a de Cambados, que terá lugar o 10 de outubro.

En concreto, esta última proba de Cambados desenvolverase na contorna da desembocadura do río Umia, e nela, como nas anteriores, o obxectivo das persoas participantes será realizar no menor tempo posible un percorrido marcado no terreo por puntos de control e coa axuda dun mapa, que se lles entregará xunto co material preciso para a realización da actividade no punto de partida.