16 septiembre, 2021
A institución provincial ten programadas ata o domingo máis dunha decena de actividades culturais e deportivas en Vilagarcía de Arousa, Marín, Ponteareas, Mondariz, Ponte Caldelas, Pontevedra, Silleda, Bueu, Moaña e Soutomaior.
A Deputación de Pontevedra dá inicio a unha fin de semana cunha programación moi especial na que a estrea das “Rutas arquitectónicas” será a gran protagonista. Amais da súa inauguración cun percorrido por Pontevedra e Poio, o ente provincial oferta unha interesante oferta cultural e deportiva que chegará aos concellos de Vilagarcía, Marín, Ponteareas, Mondariz, Ponte Caldelas, Pontevedra, Silleda, Bueu, Moaña e Soutomaior cos programas “Roteiros literarios”, “Rías Baixas Film Fest”, “Historias cavadas”, “Os viñedos do castelo”, “Musigal”, “Música no Ar”, “Bosques terapéuticos” e “Deporutas BTT”.
A primeira das “Rutas arquitectónicas” terá lugar este sábado 18, ás 10.00 horas, e arrancará nas Ruínas de San Domingos, en Pontevedra, para ofrecer a continuación un interesante itinerario polos seus pazos urbanos, as igrexas da Peregrina e San Bartolomeu e posteriormente concluirá no Mosteiro de Poio. Pola súa banda, o domingo 18, ás 11.30, terá lugar o segundo “Roteiro literario” co nome de “O ronco do carneiro. Historias de fuxidos polos montes de Domaio”. Celebrarase en Moaña e pasará por lugares tan emblemáticos como a poza da Moura ou a casa de Carballo. Amais, o domingo pomos fin ao último dos “Rías Baixas Film Fest” de setembro, o “FicBueu”, que pechará a súa 14ª edición dando a coñecer as mellores curtas do cine internacional e coa proxección do filme “Sole”. Ata decembro, o emblema audiovisual da marca provincial completará o seu cartel cos festivais “Play-Doc” (22-26 setembro), “Festival de Cine Inclusivo” (12-16 outubro), “Galician Freaky Film” (29-2 outubro) e “Novos Cinemas” (14-19 decembro).
O Castelo de Soutomaior e os seus viñedos gozan tamén de protagonismo estes días. A Deputación aposta por actividades sostibles e respectuosas co medio ambiente cun itinerario no que o persoal de turismo falará ás persoas participantes sobre as orixes das viñas, plantadas nos anos 80 cando o ente provincial se fixo cargo da fortaleza; da D.O. Rías Baixas e as súas subzonas; a tipoloxía das uvas; o coidado e crecemento das vides e a vendima. As persoas interesadas nesta actividade, que terá lugar ata o venres 17 de setembro ás 17.30 horas, poden adquirir as entradas no sitio web do Castelo (https://entradas.castelodesoutomaior.com/) por un prezo de seis euros. Amais, as “Historias Cavadas” continúan o seu paso pola provincia para pór en valor os seus castros musealizados da man dos principios de sustentabilidade, accesibilidade e inclusión a todos os públicos. Terán lugar este xoves 16 en Castro Alobre, en Vilagarcía de Arousa e o este venres 17 no Castro da Subidá, en Marín.
No terreo musical atopámonos con dúas novas actividades. A primeira terá lugar o sábado 18 ás 19.00, co concerto de Odaiko Percusión en Mondariz no marco do programa “Música no Ar”. A segunda, tamén o sábado, será en Ponteareas, que ás 22.00 horas acollerá a actuación musical de Milladoiro co programa Musigal.
Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de tres actividades. “Bosques Terapéuticos” achega dúas novas experiencias que comezan o sábado 19, ás 10.00, en Pontevedra, coa Senda do Río Almofrei, un sendeiro de 2,3 quilómetros no que se visitarán a súa ponte, pozas e diversas infraestruturas etnográficas doutras épocas. A outra terá lugar o domingo 19 ás 10.00, co Sendeiro Azul do río Verdugo, unha ruta de máis de 1,8 quilómetros de dificultade baixa que consistirá nunha senda circular que parte da praia fluvial da Calzada e transcorre ás beiras do río, enxalzando os seus valores naturais e paisaxísticos, entre os que sobresaen as pontes e muíños. Finalmente, o domingo celebrarase a segunda das “DepoRutas BTT” deste ano. Cunha distancia total de 32 quilómetros de percorrido circular, a DepoRuta pasará por moitos símbolos da comarca do Deza, como a igrexa do Castro, o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Toxa.
Alerta