Golpes. Fonte: Concello
24 noviembre, 2021
Entre o público tamén había usuarios e persoal do Centro de Día.
Mañá, Día para a prevención da violencia contra a muller, gardarase un minuto de silencio no Concello en memoria das vítimas.
Estudantes do IES de Valga asistiron esta mañá no Auditorio Municipal ao espectáculo teatral pedagóxico “Golpes”, unha actividade para a prevención da violencia de xénero integrada na programación do 25-N.
Un total de 98 alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelato presenciaron a función na que a actriz Estíbaliz Veiga puxo en escena un relato cru e directo de como unha moza vai cedendo nunha relación desigual ata perder a súa personalidade.
A obra, da compañía aAntena, amosou dun xeito entretido a desigualdade latente neste tipo de relacións e a dor que causa a lacra social da violencia machista. A través do relato da vida de Pamela, unha moza que ven de sufrir maltrato, cuestiónanse situacións de desigualdade en moitos casos normalizadas e amósase como das accións máis cotiás nace o “golpe” da violencia.
Ademais dos mozos do IES, entre o público tamén se atopaban unha decena de usuarios do Centro de Día acompañados polas súas xerocultoras.
Esta actividade foi subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e a Fegamp a través da Rede de Entidades Locais contra a violencia de xénero.
Ao remate da mesma, a Concellería de Igualdade e Benestar Social repartiu entre os asistentes trípticos explicando algúns dos síntomas das relacións violentas e de submisión. Aspectos coma o control, a chantaxe, o illamento ou a dependencia emocional que, aínda que poidan parecer normais, deben poñernos en alerta.
Mañá, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, continúan as actividades de concienciación e prevención da violencia de xénero. Ás 12:00 horas ás portas da Casa do Concello gardarase un minuto de silencio en memoria de todas as vítimas e, pola tarde, no Auditorio continuará o programa de intervención e prevención con mulleres en situación de vulnerabilidade cunha xornada sobre o “Emprego en feminino”.
Alerta