21 diciembre, 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade lembra no Parlamento que hai máis dun ano que a Xunta está en disposición de iniciar as obras, adxudicadas en novembro de 2022
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, instou hoxe ao Concello de Gondomar a facilitar os terreos para que a Xunta invista máis de 2 M€ en reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor ao seu paso polo municipio.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade sinalou hoxe no Parlamento de Galicia que hai máis dun ano que a Xunta está en disposición de iniciar as obras, xa adxudicadas desde o 23 de novembro do 2022.
Detallou que os Orzamentos da Xunta do vindeiro ano recollen as partidas necesarias para avanzar na actuación, recollendo 1,97 M€ na anualidade de 2024 e 0,15 M€ na de 2025.
Neste sentido, lamentou que o Concello de Gondomar non estea a cumprir coa súa parte, coas responsabilidades que adquiriu no convenio de colaboración que asinou coa Xunta, ao non acreditar axeitadamente a posta á disposición dos terreos precisos para actuación.
Ethel Vázquez concretou que a Administración local presentou uns preacordos cos propietarios que non teñen validez ata que sexan ratificados en Pleno e se formalice a acta de ocupación, polo que legalmente é imposible que a Xunta poida iniciar os traballos.
Salientou que “se o Concello fixera o que ten que facer” a estas alturas as obras estarían rematadas ou a piques de estalo, xa que contan cun prazo de execución de 12 meses.
Alerta