10 noviembre, 2021
Os xogos galegos deportivos promovidos pola Xunta botan a andar unha tempada máis con seguridade e protocolos, para as 16 modalidades escolares e 36 federadas.
Trátase da terceira proba destas características na provincia de Pontevedra, na que participou alumnado dos colexios de Tirán, Abelendo, Castrillón, Espiñeira e Torre.
No que atinxe a área viguesa, este mes será tamén a quenda para os centros educativos de Vigo, Mos, O Porriño e Redondela e Baiona, Nigrán e Gondomar.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe aos 440 escolares da comarca do Morrazo que tomaron parte no campionato de campo a través no que están a participar centros educativos de toda a provincia de Pontevedra desde finais do pasado mes de outubro no marco do programa Xogade. A actividade contou coa presenza das alcaldesas de Moaña, Leticia Santos, e Bueu, Elena Estévez.
Na proba celebrada este mércores no Parque da Xunqueira participou alumnado do CEIP Plurilingüe de Tirán e CEIP Abelendo de Moaña, do CEIP Castrillón e CEIP Espiñeira de Cangas e do CEIP Torre, (Bueu). Segundo avanzou Fernández-Tapias, o vindeiro 19 de novembro será a quenda dos centros escolares do Val Miñor, (Baiona, Gondomar e Nigrán), e os días 24 e 25 dos de Vigo, O Porriño, Redondela e Mos.
O campo a través ou o atletismo en pista non son as únicas modalidades deste programa que inclúe ademais bádminton, baloncesto, balonmán, dúatlon, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, piragüismo-dragóns, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo. A participación nestas actividades e o servizo de transporte son totalmente gratuítas.
No caso da actividade federada, ata un total de 36 federacións deportivas galegas adhírense ao seguro deportivo de 6 a 16 anos que financia a Xunta de Galicia para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables. As federacións adheridas na tempada 2021/22 son: atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo, karate, kickboxing, kung-fu, loita, motociclismo, natación, orientación, pádel, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.
Ademais, propóñense outras actividades ao abeiro do programa como: ‘Coñece o meu club’, ‘Proxecto de vida activa e deportiva’, ‘Xogando coa auga e co vento’, ‘Xogos tradicionais e populares’, ‘Espazo lúdico’, (novidade da tempada 2020/21 que propón un traballo colaborativo e inclusivo na clase), así como actividades de promoción de escalada, golf ou loita, ás que se engadirán deportes urbanos como breaking, skate ou BMX consonte a evolución da demanda deportiva nos últimos anos e a consolidación das novas modalidades olímpicas.
Protocolos de actuación
Debido ao contexto actual da pandemia, son de obrigado cumprimento as medidas xerais e pautas básicas de actuación do Protocolo Fisicovid-DXTgalego Xogade 2021/22, publicado na páxina web do programa, que bebe da experiencia do protocolo aplicado na tempada anterior. Ademais, teranse en conta os protocolos e plans de adaptación ao contexto da Covid-19 das instalacións e centros educativos nos que se desenvolva e as restricións sanitarias de cada momento.
No caso da actividade deportiva federada vinculada co seguro 6-16, realizarase de conformidade cos protocolos das federacións deportivas galegas, baseados no Protocolo Fisicovid-DXTgalego polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, no ámbito do deporte federado de Galicia.
Os devanditos protocolos están publicados nas respectivas páxinas webs das federacións e son de obrigada observancia para o conxunto dos estamentos federativos. Asemade, a práctica axustarase aos termos establecidos nas normativas e protocolos das instalacións, onde se desenvolvan e ás restricións sanitarias de cada momento.
Alerta