Fernández-Tapias acompaña ao ex da NBA, Craig Hodges, no Camiño Portugués da costa ao seu paso por Vigo

Compartir
Graig Hodges no Camiño. Fonte: Xunta

A Delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, recibiu ao protagonista da sétima edición do documental “O Camiño acaba no Obradoiro”, no albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves na viguesa praza do Berbés

A iniciativa liderada polo Obradoiro, atrae anualmente a Galicia a figuras de relevancia nacional e internacional para realizar diferentes etapas da Ruta Xacobea

A representante autonómica destaca o auxe do Camiño Portugués da Costa como un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos

 

Marta Fernández- Tapias  e o xogador de baloncesto realizaron xuntos o tramo da ruta xacobea que percorre a cidade en dirección a Redondela. Hogdes, bicampión cos Chicago Bulls (1991 e 1992), é o protagonista este ano do documental “O Camiño acaba no Obradoiro” na súa sétima edición, a proposta liderada polo Monbus Obradoiro que anualmente atrae a figuras de relevancia nacional e internacional do baloncesto, para realizar algunha das Rutas Xacobeas.

Unha iniciativa que Fernández-Tapias asegurou comparte os valores do Camiño de Santiago e do fenómeno Xacobeo cos do deporte e a solidariedade, contribuíndo á “promoción internacional do principal recurso turístico e cultural de Galicia”.

 

Graig Hodges no Camiño. Fonte: Xunta

Por outra banda, puxo en valor o éxito do albergue de peregrinos Juan Manuel López-Chaves que está a punto de chegar aos 1.000 peregrinos, desde a súa apertura de portas ao inicio do mes de xullo. Neste sentido, indicou que o Camiño Portugués da Costa, que atravesa a cidade viguesa, segue a ser un dos máis demandados, elixido xunto a vertente do interior polo 25% dos peregrinos que chegan a Compostela.

A diversidade na procedencia dos peregrinos que durante este tempo se aloxaron no establecemento do Berbés confirma, en opinión da Delegada Territorial, a popularidade do Camiño nos diferentes territorios e especialmente do Camiño Portugués da Costa, un dos que se rexistrou os maiores incrementos no 2019 e que se mantén en auxe. Viaxeiros de 41 países reservaron praza no albergue vigués e de 14 comunidades autónomas.
Fernández-Tapias, volveu a insistir na oportunidade que supón a celebración deste Ano Santo Xacobeo bianual e no agradecemento da Xunta á hostalería e o comercio Vigués, pola súa implicación e colaboración na sinalización desta ruta, entendendo a importancia estratéxica que supón o Camiño Portugués da Costa, e ante a negativa do Goberno Vigués a permitir a sinalización do percorrido no termo municipal da cidade.

 

Graig Hodges no Camiño. Fonte: Xunta

 

Referendou ademais o compromiso da Xunta para ofrecer as máximas garantías para que a Comunidade sexa sinónimo de destino seguro, con medidas como o sistema de reservas online nos albergues; ou a posta en marcha da aplicación PassCovid e do Seguro Covid, para dar cobertura aos viaxeiros no caso de que enfermen durante a súa estancia na Comunidade. Asemade, referiuse aos apoios específicos para a hostalería para, por exemplo, adaptar as terrazas, os servizos de entrega a domicilio e os locais ás medidas sanitarias.