Fernández-Tapias acompaña nas Illas Cies aos mozos e mozas que participan no campo de voluntariado da Xunta

Compartir

Durante 10 días, ata o vindeiro 26 de xullo, os 11 participantes nesta proposta de ocio, enmarcada na campaña “O verán que mereces”, realizarán actividades medioambientais como reforestación e reciclaxe.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata as Illas Cíes para acompañar aos 11 mozos e mozas que participan estes días nun dos campos de voluntariado que se están a desenvolver no Parque Nacional das Illas Atlánticas, Cíes II.

Durante a visita, a representante autonómica tivo oportunidade de coñecer algunhas das actividades medioambientais que os participantes realizan a diario, tales como reforestación, intervencións de especies autóctonas ou recollida de lixo e reciclaxe nas zonas de praia. Esta segunda quenda nas Illas Cíes arrancou o pasado día 15 e rematará o 26 de xullo, quedando pendentes dous grupos máis para o mes de agosto.

Estes campamentos, tal e como sinalou Fernández-Tapias, están orientados a mozos e mozas entre 18 e 30 anos de idade no marco da campaña O verán que mereces, que aposta pola conciliación familiar e laboral, a formación biosaudable dos mozos e a seguridade sanitaria. Neste sentido, recordou que, por mor da covid-19, se reduciron os aforos das actividades, se reforzou o persoal e se incrementaron as medidas hixiénico-sanitarias.

A oferta da Consellería de Política Social na provincia de Pontevedra, ademais das catro quendas correspondentes ás actividades medioambientais nas Illas Cíes, complétase cos campos de voluntariado no Camiño Portugués pola Costa, en Oia; A Illa de San Simón en colaboración coa Consellería de Cultura; A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove; Salvemos o mar: Plásticos cero, en Vilanova de Arousa; o campo itinerante Botarse ao Camiño, que rematará en Santiago; Rural influencers, en Cerdedo-Cotobade; Soutomaior fai Camiño; Tradición en Verde, en Lalín e A Idade do Bronce, en Campo Lameiro, tamén coa colaboración de Cultura.

Asemade, promóvense nove campamentos, para mozos e mozas de 9 a 17 anos, nas Sinas (Vilanova de Arousa), Ponte Maril (Forcarei), Albergue Vicente Agulló (Lalín), FervenzAventura (Silleda) –que é a novidade da presente campaña–, Illa de Ons (Bueu), Concello de Mondariz-Balneario, El Kiriko (Fornelos de Montes), Granxa-Escola Albergue de Tomiño e Residencia de Tempo Libre de Nigrán. As prazas de inclusión outorgáronse no Salnés e na Terra de Montes.