8 noviembre, 2021
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe á xunta directiva de Marinetea do estado dos proxectos sectoriais necesarios para o desenvolvemento deste espazo de alto valor cultural e paisaxístico na cidade
Lamentou así que o único proxecto sectorial que aínda non iniciou a tramitación ambiental sexa o correspondente ao Concello vigués
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe á xunta directiva da Asociación de antigos mariñeiros da Etea (Marinetea) do estado dos proxectos sectoriais necesarios para o desenvolvemento do futuro Campus do Mar en Vigo.
Neste sentido, a representante autonómica volveu a constatar o compromiso do Goberno galego coa implantación dun novo campus altamente especializado e chamado a ser un referente internacional no ámbito da investigación mariña; na ordenación detallada dos usos complementarios abertos á cidadanía, para facelo un espazo máis atractivo e que contribúa á revitalización do barrio vigués de Teis-A Guía; e, así mesmo, na súa integración nun ámbito de singular valor cultural e paisaxístico, respectando os valores da contorna.
Indicou así que, tras a aprobación definitiva o pasado mes de xuño do PS-2, o ámbito da área científico tecnolóxica, que acollerá o Instituto de Investigacións Mariñas, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC); e o inicio da demolición dos edificios da ETEA onde se emprazará o centro integral de atención ás persoas maiores de Vigo, o desenvolvemento deste ámbito “vai avanzando a paso firme”.
Segundo resumiu, dos seis proxectos necesarios para desenvolver o Campus do Mar, un está actualmente en tramitación (o PS-3), outros tres acaban de aprobarse (PS-2, PS-1 e PS-6) e un quinto foi xa executado (PS-5). O restante proxecto sectorial, correspondente ao ámbito PS-4 e que depende do Concello de Vigo, é o único que aínda non iniciou a tramitación ambiental. Concretamente sobre o PS-3, sinalou que está pendente de que a Universidade de Vigo como promotora deste ámbito remita o proxecto modificado, a fin de poder continuar coa tramitación e aprobalo definitivamente.
Neste contexto, lamentou a falla de implicación do Concello vigués co desenvolvemento deste ámbito, xa que no mesmo prazo no que a Xunta aprobou tres proxectos sectoriais (7 meses) “o Goberno local non foi capaz nin tan sequera de iniciar a tramitación ambiental do único que lle corresponde”.
Xa por último, cifrou en 7,7 millóns de euros o investimento executado ata o de agora pola Xunta en actuacións relacionadas cos tres ámbitos que promove directamente, PS-1, PS-5 e PS-6; así como o custo do solo adquirido na ETEA e as obras na área de usos recreativos (PS-5), rematadas en 2015.
A previsión é que o Goberno galego invista en total ao redor de 10 millóns de euros no ámbito destinado a viarios, espazos de uso libre e infraestruturas de conexión, tanto interiores como exteriores (PS-1), e uns 27 millóns de euros na área reservada ao desenvolvemento de usos complementarios como a futura residencia de maiores (PS-6).
Alerta