6 septiembre, 2021
O profesor de Investigación no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do CSIC, Fiz Fernández Pérez, ingresa hoxe como académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias
Pronunciará o seu discurso “A diferencial oceánica” nun acto no Pazo de San Roque de Santiago, ás 19 horas
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará hoxe no Pazo de San Roque de Santiago ás 19:00 horas, o acto de ingreso do especialista en oceanografía química, en masas de auga, no ciclo do carbono mariño e na acidificación dos océanos Fiz Fernández Pérez, profesor de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) en Vigo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Intégrase na institución como académico numerario da Sección de Química e Xeoloxía. Fiz Fernández pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “A diferencial oceánica”, que será contestado en nome da Academia polo membro numerario da Sección de Química e Xeoloxía da RAGC, Antonio Ballester Álvarez-Pardiñas.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto ao que asistirán outros académicos da institución, así como o vicerrector de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña (UDC), Salvador Naya; o profesor Gabriel Rosón, en representación da Universidade de Vigo (Uvigo); e o novo delegado Institucional do CSIC en Galicia, Francisco Javier Rey Campos; entre outras autoridades.
Fiz Fernández é doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi director de 20 teses doutorais e é autor de máis de 200 artigos científicos en revistas internacionais e capítulos de libros. É o investigador principal de 28 proxectos de investigación nacionais e europeos. É líder científico en cinco campañas oceanográficas internacionais nos buques Hérsperides e Sarmiento de Gamboa, participando ademais noutras 27 campañas no marco de programas internacionais WOCE, CLIVAR e actualmente en GOSHIP. Tamén foi membro do Comité Asesor Científico para a xestión do desastre do PRESTIGE participando en dúas inmersións no batiscafo Nautile. Foi organizador do “XV Seminario Ibérico de Química Mariña” e coordinador da rede española CLIVAR. É investigador visitante en centros mariños de Inglaterra (Southampton), EEUU (Universidades de Princeton e Columbia e MBARI-California), e ofrece colaboración continuada co IFREMER-Brest. Tamén é asesor científico do Global Carbon Project e no cumio da COP-X de UNFCCC en Bos Aires.
O evento retransmitirase tamén a través da canle de YouTube da RAGC: https://youtu.be/mk0jHFPVg9Y
Alerta