13 septiembre, 2024
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nunha reunión do Comité Europeo das Rexións que se desenvolveu en Hungría
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, na súa condición de membro da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), participou nunha reunión na cidade húngara de Szeged. Entre outras cuestións, no encontro abordouse en detalle o proceso de ampliación da Unión Europea, tanto dende a perspectiva das institucións en Bruxelas como do impacto nos estados membros, ademais de analizar o perfil dos países que aspiran a formar parte do proxecto comunitario.
O proceso de ampliación vén de entrar nunha nova fase para os candidatos –Balcáns occidentais, Ucraína, Moldava ou Turquía, entre outros– trala publicación dunha comunicación da Comisión Europea sobre as reformas e as políticas que deben poñer en
marcha. Nesta folla de ruta, o executivo comunitario incide en que o proceso de ampliación só terá éxito se hai plena participación das autoridades locais e rexionais.
No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). Esta última elabora ditames en materia de
seguridade, liberdade, xustiza, política migratoria, e cidadanía, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos para o reforzo da democracia europea.
Alerta