8 enero, 2025
O conselleiro de Sanidade, xunto coa secretaria xeral técnica e a directora xeral de Saúde Pública, asinou un acordo de colaboración cos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia
Gómez Caamaño detalla que as 70 farmacias das catro provincias que se suman a este convenio achegarán á Consellería de Sanidade cada semana os datos de dispensación de test de antíxenos e dos cinco antigripais máis consumidos
Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas
A asistencia sanitaria por infeccións respiratorias medrou un 21 % na última semana de 2024, ao igual que o consumo de produtos asociados nas farmacias, confirmando o inicio da onda de gripe, cun nivel de intensidade baixa en aumento progresivo
A evolución da gripe está a replicar o comportamento do inverno de 2019 e fai predicir que, probablemente, o pico se acade cara a finais deste mes de xaneiro
O conselleiro salienta o valor de contar coas farmacias como aliados estratéxicos do plan sanitario de inverno para anticipar o impacto da gripe e dotar a asistencia dos recursos necesarios
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinou hoxe un acordo de colaboración cos colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia para a posta en marcha dunha rede pioneira de 70 farmacias sentinela para anticipar a evolución da gripe a partir da venda de test de antíxenos e medicamentos. O acordo de colaboración foi asinado polo titular da carteira sanitaria cos presidentes dos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, Sara Catrain da Coruña; Alejandro Sánchez, de Lugo; Santiago Leyes de Ourense; e Beatriz García de Pontevedra. O acto contou, así mesmo, coa presenza da secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
Gómez Caamaño detallou que as 70 farmacias das catro provincias que se suman a este convenio achegarán semanalmente á Consellería de Sanidade datos sobre a venda de test de antíxenos e dos cinco medicamentos antigripais máis consumidos, o que será de gran valor para mellorar o control da enfermidade, integrando información adicional que axudará a dar unha resposta máis áxil e eficaz.
Destas 70 farmacias, 30 son da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, outras 10 da de Ourense e 20 da de Pontevedra.
Os rexistros das farmacias, combinados cos datos de asistencia sanitaria en atención primaria e nas urxencias hospitalarias permiten, a través dun modelo matemático, anticipar con 15 días a evolución da gripe e as infeccións respiratorias agudas.
O conselleiro de Sanidade e os representantes dos colexios de farmacia trasladaron que a asistencia sanitaria por infeccións respiratorias medrou un 21% na última semana de 2024, ao igual que o consumo de produtos asociados nas farmacias, o que vén confirmar o inicio da onda de gripe, cun nivel de intensidade baixa en aumento progresivo.
Engadiron que a evolución da gripe está a replicar o comportamento do inverno de 2019 e fai predicir que, probablemente, o pico se acade cara a finais deste mes de xaneiro, na semana de entre o 20 e o 26, mantendo activa a vixilancia epidemiolóxica.
Gómez Caamaño salienta o valor de contar coas farmacias como aliadas estratéxicas do plan sanitario de inverno para anticipar o impacto da gripe e dotar a asistencia dos recursos necesarios.
O máximo responsable da saúde da cidadanía galega sinalou que este convenio supón un paso máis, decisivo, nunha traxectoria de colaboración moi intensa que as farmacias galegas e a Consellería de Sanidade levan moito tempo mantendo a través de múltiples iniciativas, entre as que citou a implantación de sistemas personalizados de dosificación para fomentar a adherencia terapéutica, ou o proxecto para a entrega a domicilio de medicamentos a pacientes dependentes ou residentes en zonas illadas.
O conselleiro reiterou o seu agradecemento aos colexios oficiais de farmacéuticos galegos pola súa implicación neste proceso, o que demostra unha vocación de servizo público como axentes sanitarios que é de xustiz recoñecer. Incidiu en que con iniciativas como a de hoxe Galicia se sitúa unha vez máis na vangarda sanitaria, reforzando a colaboración entre os distintos profesionais para facer fronte aos retos de saúde.
Alerta