21 noviembre, 2024
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR), no que defendeu que a comunidade galega loitará por preservar os programas rexionais dos fondos europeos
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na súa intervención no debate sobre a política de cohesión posterior a 2027, reclamou que as rexións sigan tendo un papel relevante na planificación e xestión dos fondos. Gamallo explicou que Galicia está aberta á simplificación desta política dende un enfoque baseado no rendemento, pero loitará por preservar os programas rexionais dos fondos europeos.
O director xeral lembrou que, dende a entrada de España na Unión Europea, a comunidade galega xestionará máis de 22.000 millóns de euros que son determinantes para mellorar indicadores económicos e sociais como o PIB per cápita, o emprego, a taxa de pobreza e o abandono escolar. Para programar estes fondos, engadiu Gamallo, realizouse un gran proceso de análise das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas de Galicia e deseñáronse estratexias a medio e longo prazo que deixarían de ter sentido se o deseño da execución dos fondos viñese determinado dende o Estado.
Galicia foi a comunidade autónoma que máis emendas presentou para este pleno: unha de cada tres das presentadas pola delegación española. Entre os asuntos emendados figuran o ditame Condicións de traballo xustas na agricultura: a perspectiva local e rexional, O futuro da política climática da UE: axustar os obxectivos de mitigación aos retos de adaptación, Abordar as desigualdades territoriais mediante un mellor acceso aos servizos
sociais e Retos e oportunidades da intelixencia artificial no sector público: determinar o papel dos entes locais e rexionais.
Este pleno, que foi o último do actual mandato do CdR, serviu para conmemorar o 30 aniversario da institución. O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. O próximo mandato do Comité iniciarase en febreiro do ano que vén.
Alerta