18 noviembre, 2025
Galicia reforza a súa posición de liderado sanitario, logo de ser galardoada hoxe con once premios Best in Class na gala da 20ª Edición destas distincións coas que a revista especializada Gaceta Médica recoñece os mellores servizos sanitarios nacionais.
A Consellería de Sanidade foi distinguida con tres premios especiais nas categorías de mellor Estratexia de Enfermidades Raras nas comunidades autónomas; na de mellor abordaxe dos Determinantes Sociais da Saúde; e na de mellor Estratexia de Vacinación covid-19 en 2025.
Tamén resultaron galardoados como mellor servizo de Enfermidades Infecciosas, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; mellor Servizo de Farmacia Hospitalaria en Oncoloxía, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; mellor servizo de Patoloxía Dixestiva, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; mellor servizo de Reumatoloxía, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; mellor Organización Integrada de Atención Primaria, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e mellor centro de saúde, o Servizo de Atención Primaria da Estrada.
O premio cinco Estrelas 2023-2025 foi para o Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e outro premio cinco Estrelas 2023-2025 foi para a Unidade da dor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Na súa intervención no acto, o conselleiro de Sanidade referiu que cada un destes premios confirman o que os pacientes poden comprobar cada día que acoden ao seu centro de saúde, que están nas mellores mans, xa que aspectos como a humanización, a eficacia, a eficiencia ou a excelencia clínica están presentes na atención que se presta á cidadanía.
Tamén fixo unha especial mención Gómez Caamaño para os finalistas do Servizo Galego de Saúde, posto que o sistema sanitario público galego optou ao galardón en moitas categorías, o que é resultado dun traballo constante para acadar mellores niveis de benestar.
O titular da carteira sanitaria remarcou que Galicia conta cunha sanidade que forma profesionais extraordinarios e que aposta pola prevención e promoción de hábitos saudables, colocando ao paciente no centro da toma de decisións.
O conselleiro trasladou a súa felicitación aos 11 galardoados e agradeceu os recoñecementos expresos á Consellería de Sanidade.
Concluíu a súa intervención incidindo en que estes premios amosan a valía dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, que son os verdadeiros responsables de que o sistema sanitario funcione de xeito extraordinario e incidiu en que os galardóns proxectan a marca Galicia Calidade no eido da sanidade.
Alerta