“Galicia ten ao 75,9% da súa poboación con alo menos unha dose e, ao 69% coa súa pauta completa”.

Compartir
Julio García Comesaña, Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia
O titular de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, apuntou esta mañá en rolda de prensa que “Galicia ten ao 75,9% da súa poboación con alo menos unha dose e, ao 69% coa súa pauta completa”. Así mesmo, explicou que a porcentaxe de persoas maiores de 40 anos, con dúas doses, supera xa o 93%.
En canto á presión asistencial dos centros sanitarios galegos, remarcou o conselleiro, “a súa evolución nas últimas datas é preocupante, malia que Galicia se atopa entre as dúas comunidades autónomas cunha menor porcentaxe de ocupación Covid tanto de camas de hospitalización como de críticos”. Con todo, o titular de Sanidade salientou que a situación actual está a permitir aos hospitais galegos desenvolver o seu Plan de Recuperación de actividade, así como reducir os tempos de espera, respecto do pasado ano.
García Comesaña lanzou unha mensaxe de prudencia e fixo un chamamento, dirixido sobre todo á poboación moza,  a participar nos cribados organizados por Sanidade.
Pola súa parte, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, precisou que a situación epidemiolóxica en Galicia “non é boa”, pois os datos empeoraron respecto aos da semana pasada. Neste senso, a responsable de Saúde Pública destacou que a comunidade conta arestora cunha incidencia acumulada a 7 días de 345 casos por 100.000 habitantes, e de case 675 casos no seu computo a 14 días.
En canto á taxa de positividade en Galicia, nestes intres sitúase no 12.3%, catro puntos por debaixo da media nacional, que se atopa no 16.25%. A directora xeral tamén apuntou durante a súa intervención o número de casos detectados en Galicia nas diferentes variantes do coronavirus. Así, na comunidade galega a variante Delta xa é predominante, cunha circulación do 66%, e 175 casos secuenciados. Pola súa banda a variante Alfa ten unha presenza do 28%, con 888 casos secuenciados na comunidade, moi por riba dos 83 casos secuenciados da variante brasileira.