Goián estrea rúa no barrio de Tollo co nome de Xoán Piñeiro, un dos seus grandes escultores

Compartir
Goián. Fonte: Concello

Antes da inauguración do vial, tivo lugar no salón do Centro Goianés a presentación do libro “Xoán Piñeiro”, publicado pola Fundación do mesmo nome, con apoio do Concello de Tomiño.

 

 

Goián conta cunha rúa bautizada como “Rúa Xoán Piñeiro”. A placa foi descuberta durante un emotivo acto organizado pola Fundación Xoán Piñeiro, co beneplácito do Concello. Na placa, de bronce, pode verse ademais do nome da rúa, o rostro do escultor, inmortalizado na mesma con gran fidelidade, polo escultor Carlos Fernández.

O acto inscríbese na celebración do centenario do se nacemento do artista, nado en Nerga, (parroquia de Hío, concello de Cangas), e afincado en Goián, de onde era a súa dona, (Carmen Álvarez), residindo antes en Madrid e outras cidades. A rúa ,(situada no barrio goianés de Tollo), é xusto sobre a que estaba o estudo do escultor e a súa casa, polo que ao Concello pareceulle moi atinada a proposta da fundación de bautizala co nome do artista. “Pareceunos moi interesante a suxestión da fundación, xa que é unha forma de agradecer e recoñecer o legado deste grande artista”, comenta a alcaldesa.

 

Goián

 

Antes da inauguración do vial, tivo lugar no salón do Centro Goianés a presentación do libro “Xoán Piñeiro”, publicado pola Fundación do mesmo nome, co apoio do Concello de Tomiño, entre outros, tivo que adiarse un ano por mor da pandemia.

Presidiron o acto Gustavo Hervella (historiador), Cuqui Piñeiro (filla do escultor), Xesús Vázquez (presidente da Fundación), e Sandra González (alcaldesa de Tomiño). O volume, no que se relata vida e obra do artista, inaugura a colección “Nerga”, unha serie de monográficos pensados “para combater o abandono do pensamento escultórico”. Un primeiro libro dunha serie que estudará aos escultores galegos, reflexionando sobre a súa obra e o seu tempo. Entre os autores figuran Chus Martínez Domínguez (coordinadora); Gustavo Hervella García, Miriam Elena Cortés López e Carla Fernández Martínez.

 

Goián

 

A Fundación Xoán Piñeiro, (nada 1998 co fin de divulgar, protexer, e defender a obra de Piñeiro), presentou primeiramente o volume en Cangas, a terra do escultor, para iniciar logo en Goián unha xira por varios puntos relacionados coa vida do artista. O domicilio da entidade está xustamente no lugar de Tollo e o desexo da familia e restantes membros do patronato é seguir a filosofía do escultor “ que promoveu desde a xenerosidade a actividade escultórica”.