
A CORUÑA O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto coa directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e co xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, intervén no acto de homenaxe a persoal xubilado do servizo de Hospitalización a domicilio (HADO) da área. 04/10/2025 Foto: Moncho Fuentes/AGN A Coruña
4 octubre, 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o servizo de hospitalización a domicilio como un dos máis valorados da sanidade pública, con máis de 7.000 pacientes atendidos en 2024.
Así o remarcou no acto de homenaxe a persoal xubilado do servizo de hospitalización a domicilio (HADO) da área que se celebrou no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, no que tamén participaron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde.
O conselleiro de Sanidade indicou que o servizo de hospitalización a domicilio galego é recoñecido como un dos mellores programas de atención domiciliaria a nivel nacional. Neste sentido, salientou o seu carácter precursor dun sistema novo e mellor de entender a asistencia sanitaria. Trátase dun modelo que sae dos recintos sanitarios e chega ao fogar do paciente para procurarlle unha asistencia máis cálida e máis humana.
Gómez Caamaño puxo de relevancia o traballo de consolidación e extensión por toda Galicia do plan de hospitalización a domicilio do Servizo Galego de Saúde que impulsou a actual directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, nas súas anteriores responsabilidades no Sergas.
Ao mesmo tempo, recoñeceu o labor de cada profesional de HADO que propicia, máis aló de cifras de atención, experiencias satisfactorias de pacientes e as súas familias.
Por iso, Gómez Caamaño comprometeuse a seguir ampliando a cobertura da hospitalización domiciliaria, ademais de continuar integrando tecnoloxías que redunden na mellor atención e, en xeral, reforzar a atención domiciliaria en diferentes eidos.
Alerta