23 noviembre, 2024
O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC) entregou esta tarde as insignias de ouro e prata aos colexiados con 25 e 50 anos de traxectoria profesional
No marco dos actos conmemorativos da festividade patronal do COFC, o titular de Sanidade avogou por seguir colaborando no deseño de novas iniciativas que melloren os servizos sanitarios á poboación galega
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde nos actos conmemorativos da festividade patronal do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña (COFC), nun evento no que se fixo entrega das insignias de recoñecemento aos colexiados con 25 e 50 anos de traxectoria profesional.
O máximo responsable da Sanidade galega aproveitou a súa intervención para destacar traballo e a dedicación dos profesionais de farmacia galegos, pois xogan un papel clave no sistema sanitario galego, de acordo a súa capacidade para informar, acompañar e asesorar a cidadanía, e ao supoñer, en moitas ocasións, a primeira toma de contacto da poboación ante calquera dúbida de carácter sanitario.
Tras felicitar ao persoal farmacéutico que hoxe viu recoñecido o seu labor ao longo dos anos, Gómez Caamaño apostou por seguir coa colaboración frutífera que manteñen a Consellería de Sanidade e o conxunto das oficinas de Farmacia, ás que cualificou como unha peza esencial do sistema sanitario galego.
Esta cooperación permite desenvolver iniciativas que melloran os servizos que se lle ofrecen á poboación galega, como é o caso dos sistemas personalizados de dosificación, que supoñen un apoio fundamental para persoas maiores, que en moitas das ocasións viven soas e están polimedicadas.
“Da unión de esforzos sempre saen os mellores resultados”, concluíu o conselleiro, ao tempo que animou aos Colexios Profesionais de Farmacia de Galicia a seguir construíndo xuntos un sistema sanitario moderno, sostible e de calidade, que sitúe ás persoas no centro.
Alerta