30 octubre, 2024
O conselleiro de Sanidade, xunto á directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa Cobas, participou no VII Congreso de CSIF Sanidade Galicia
As contas da Consellería de Sanidade inclúen a creación dun total de 523 prazas para cumprir coa redución da xornada laboral acordada en mesa sectorial
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, detallou que os Orzamentos da Xunta para 2025 permitirán reducir en 42 horas a xornada laboral ordinaria e así acadar a minoración total de 112 horas pactada entre a Consellería de Sanidade e os sindicatos que compoñen a mesa sectorial.
O titular da carteira sanitaria, acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa Cobas, participou en Baiona no acto de clausura do VII Congreso de CSIF Sanidade Galicia.
Durante a súa intervención, Gómez Caamaño explicou que o Servizo Galego de Saúde creará o próximo ano 523 prazas para cumprir coa redución da xornada laboral acordada e contribuír ao empeño da Consellería de Sanidade de coidar do persoal que coida dos pacientes.
Ademais, co obxectivo de estabilizar o cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde, a Xunta creará 790 prazas. O balance total de creación de prazas na sanidade pública galega en 2025 chegará ás 1.412 para seguir fortalecendo os servizos de urxencias hospitalarias, con 30 novas prazas de médicos, e coas prazas necesarias para poñer en marcha o Centro de Protonterapia de Galicia e desenvolver o Plan estratéxico de reprodución asistida, entre outras.
O orzamento do Servizo Galego de Saúde para 2025 no capítulo de persoal ascende a máis de 2.300 millóns de euros, cun incremento do 6% que permitirá cumprir cos acordos da mesa sectorial, da que forma parte o sindicato organizador do congreso.
Alerta