5 noviembre, 2024
― Subliña que Galicia incrementou a súa participación en ensaios clínicos en atención primaria, acadando aproximadamente o 9,5% do total nacional
nesta área
― Incide en que promover o labor investigador en atención primaria é abrir unha porta á innovación e aos avances médicos na contorna asistencial
máis próxima á cidadanía
― Salienta que promover a investigación contribúe a reforzar o atractivo como destino profesional da atención primaria, que precisa captar talento polo seu peso crecente no sistema sanitario
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe o impulso que está a dar a Xunta á investigación sanitaria en atención primaria, como o demostra a participación de 64 centros de saúde da nosa comunidade en ensaios clínicos e estudos observacionais.
Para o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde esta implicación é unha mostra do compromiso de Galicia por consolidar a súa rede de investigación e por promover a innovación en contornas de atención primaria.
Na súa intervención no acto de inauguración da II Xornada Nacional de Investigación Clínica en Atención Primaria, organizada por Farmaindustria, o conselleiro puxo en valor que Galicia incrementou a súa participación en ensaios clínicos en atención primaria, acadando aproximadamente o 9,5% do total nacional nesta área, unha cifra destacable que amosa o esforzo da nosa comunidade.
Na inauguración tamén participou a vicepresidenta de Farmaindustria, Cristina Henríquez de Luna e o inicio da xornada correu a cargo de Pilar Gayoso, subdirectora do Instituto de Saúde Carlos III.
Promover o labor investigador en atención primaria é abrir unha porta á innovación e aos avances médicos directamente na contorna asistencial máis próxima á cidadanía, o que, segundo subliñou o conselleiro, posibilita que os pacientes accedan de xeito temperán a tratamentos e medicamentos
innovadores, así como a tecnoloxías e sistemas de intelixencia artificial cruciais para a sostibilidade do sistema.
Promover a investigación é, tamén, dixo o conselleiro, reforzar o atractivo como destino profesional do nivel asistencial con máis proxección de futuro.
Gómez Caamaño incidiu en que é necesario atraer talento cara á atención primaria, pedra angular do sistema sanitario dunha sociedade cada vez máis lonxeva e, en consecuencia, con maior prevalencia de enfermidades crónicas.
Destacou, así mesmo, iniciativas como TRANSFIREsaúde, de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal para promover a investigación en áreas tan relevantes como o envellecemento activo e saudable e a medicina personalizada, orientada especialmente á atención primaria. No marco deste programa a Xunta vén de convocar axudas por medio millón de euros destinadas aos institutos públicos de investigación sanitaria de Galicia.
Gómez Caamaño referiuse, ademais, á Estratexia de Saúde Comunitaria en Atención Primaria, que serviu para impulsar a investigación traslacional neste nivel asistencial. Ao respecto sinalou que, dotar dun marco ético para a aplicación da intelixencia artificial, posibilita implementar tecnoloxías
avanzadas baseadas en datos, con proxectos piloto para avaliar a súa eficacia en contornas reais de atención primaria.
A II Xornada Nacional de Investigación Clínica en Atención Primaria ten como obxectivo analizar e compartir a oportunidade que supón para os pacientes o impulso á investigación clínica que se leva a cabo tanto en atención primaria como a que se realiza en coordinación coa atención hospitalaria
Alerta