24 octubre, 2024
A Xunta destinará o vindeiro ano preto de 885 millóns de euros para blindar o acceso da cidadanía galega aos medicamentos a través da receita médica. Así o destacou o conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño, na inauguración do II Congreso Internacional do medicamento individualizado: formulando o futuro que se celebra entre hoxe e mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Ao acto de inauguración do congreso, que está organizado pola Sociedade Española do Medicamento Individualizado (LASEMI), a decana da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, Reyes Laguna; a presidenta da Sociedade Española do Medicamento Individualizado, Concepción Chamorro; e a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain, entre outros.
O conselleiro subliñou que o medicamento individualizado cobra cada vez máis relevancia, ofrecendo solucións adaptadas ás necesidades singulares de cada paciente. Este enfoque personalizado é o que realmente marca a diferencia na saúde pública moderna, garantindo tratamentos máis efectivos, seguros e humanizados, sinalou.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego destacou o Programa para a mellora da adherencia terapéutica a través da elaboración de sistemas personalizados de dosificación, posto en marcha pola Xunta e dirixido a persoas maiores, especialmente ás de máis de 75 anos, polimedicadas e con dificultades para seguir correctamente os seus tratamentos.
Gómez Caamaño remarcou que este programa personalizado de dosificación, froito da colaboración da Xunta cos colexios oficiais de farmacéuticos, e ao que están adheridas máis de 500 farmacias, está a lograr un impacto moi positivo na vida dos pacientes, evitando, deste xeito, errores na medicación.
Gómez Caamaño rematou a súa intervención destacando que unha prestación farmacéutica personalizada e humana é fundamental para construír un sistema sanitario de máxima calidade. Nesta liña, incidiu na importancia de promover a investigación, a excelencia profesional e a mellora dos tratamentos que chegan ás mans dos pacientes.
Alerta