Gorka Gómez recibe na Deputación aos tres xogadores xuvenís e ao adestrador do Cisne, que veñen de acadar o bronce no Europeo de Croacia

Compartir
Gorka Gómez. Fonte: Deputación de Pontevedra

Os tres xogadores do Cisne da selección española xuvenil de balonmán, Daniel Virulegio, Pablo González e Carlos Álvarez, estiveron este venres na Deputación para compartir o bronce acadado no Europeo Sub19 de Croacia, xunto ao seu adestrador Javier Fernández (Jabato), que tamén dirixiu o combinado Nacional

Chegaron acompañados polo Presidente do club, Santi Picallo, e o Presidente da Federación Galega, Bruno López. O Deputado amosoulles o apoio da Institución e o orgullo de celebrar o resultado conseguido nesta última competición Europea, logo dun ano tan complicado por mor da pandemia; unhas felicitacións que xa lles manifestou no anterior encontro que tivo lugar no Palacete das Mendoza o pasado mes de xuño, tras proclamarse campións de España. Ao mesmo tempo, resaltou o valor do balonmán na provincia para logo facerlles entrega duns libros como agasallo.

O extremo esquerdo, Carlos Álvarez, destacou o esforzo levado a cabo polo equipo e por ter acadado un soño que xa é unha realidade. Pola súa banda, o adestrador, Javier Fernández, e o presidente do club, Santi Picallo, agradeceron o apoio amosado pola Deputación, resaltando o traballo dos xogadores e manifestando o seus desexos por seguir traballando duro, e continuar na procura de novos talentos. O presidente da Federación Galega de balonmán, Bruno López, enalteceu os valores que están a representar as novas promesas.