28 agosto, 2021
O curso, de 160 horas lectivas, impartirase de setembro a decembro en horario de mañá, e a participación é de balde
As interesadas deben inscribirse nas dependencias do CIM. O prazo para anotarse vai do 30 de agosto ao 10 de setembro
O curso é gratuíto, ten 15 prazas dispoñibles, durará 3 meses, entre o 23 de setembro e o 31 de decembro, terá 160 horas de formación teórica e práctica, e se desenvolverá nas aulas da academia Kaeme na Praza de Galicia. As interesadas deben dirixirse ás dependencias do CIM para anotarse.
A oferta de opcións formativas para a mellora da empregabilidade de mulleres en situacións de vulnerabilidade, é unha ferramenta imprescindible dentro dos servizos ofrecidos dende a Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía de Arousa, ao ser conscientes de que facilitar a reinserción laboral, e a recuperación dos proxectos persoais destas mulleres, evita a cronificación das situacións de vulnerabilidade.
Neste marco organízase enta nova acción formativa, cuxa temática, a atención socio sanitaria, elíxese ao ser este un dos nichos laboral que xera unha maior demanda de persoal e que segue medrando. A Área de Igualdade xa organizou o pasado ano, un curso de atención sociosanitaria, pero nesa ocasión, orientado á atención domiciliaria das persoas dependentes. Neste caso, a formación diríxese ao traballo en institucións especializadas no coidado destas persoas(xeriátricos, centros de día, hospitais, centros de atención a discapacitados…).
Aparte da solicitude de inscrición, o CIM realizará unha entrevista persoal ás mulleres que desexen recibir a formación. O modelo normalizado de inscrición estará dispoñible na páxina web do Concello, ou nas dependencias da propia área. No caso de que o número de solicitudes superase ao número de prazas, estas concederanse atendendo á valoración por parte do persoal da área, en base aos criterios de vulnerabilidade das mulleres: vítimas de violencia de xénero, paradas de longa duración, mulleres con discapacidade, ingresos mensuais, responsabilidades familiares…entre outros.
Esta actividade está enmarcada no III Plan de Igualdade do Concello e cofinanciada pola Deputación de Pontevedra dentro do Plan Concellos 2021.
Alerta