12 noviembre, 2021
A campaña do 25N arranxa hoxe cun lema que advirte sobre o maltrato psicolóxico, tan nocivo como o físico, e os impedimentos que se atopan as mulleres á hora de saír dunha situación de maltrato.
Un autobús urbano levará por toda a cidade a imaxe e o lema da campaña.
A concellería reparte carteis e adhesivos para que se coloquen en comercios, bares, cafeterías, centros educativos e todo tipo de establecementos públicos. As redes sociais do Concello difundirán 7 vídeos da campaña e as imaxes da Vilagarcía en negro que envíen os participantes. A lectura do manifesto o propio 25 e o traballo cos centros educativos completan as actividades.
A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía presentou este mediodía a nova campaña do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que este ano se centra en condenar o maltrato psicolóxico e outros impedimentos que se atopan ás mulleres para saír dunha situación deste tipo. O departamento que dirixe Tania García quere que toda a cidadanía se implique rexeite aberta e publicamente todas as formas da violencia machista. Para iso invita aos diversos sectores económicos e sociais a vestir Vilagarcía de negro ata finais do mes de novembro, para o cal pon a súa disposición diverso material. Un bus urbano levará a imaxe da campaña por todos os lugares do municipio e difundirase por redes as imaxes que envíe a cidadanía.
A concelleira de Igualdade, Tania García, presentou esta mañá a imaxe da campaña que leva por lema “Na violencia machista, hai agresións que non se ven” e que un autobús urbano da empresa Pereira (Grupo Abalo), levará rotulado ata finais de mes. Na presentación estiveron tamén as técnicas do CIM e un representante do Grupo Abalo.
Como en edicións anteriores, o Concello invita a todos os vilagarciáns a sumarase a esta campaña e a facer visible o seu rexeitamento á violencia machista exhibindo nos seus locais, (ben nos escaparates, mostradores, barras), sedes de asociacións e entidades sen ánimo de lucro e en todos os centros públicos (colexios, administracións, servizos saniarios…), o distinto material promocional que ofrece Igualdade. Ademais dos tradicionais carteis, este ano Igualdade reparte tamén adhesivos que se poden pegar en escaparates, fiestras ou nos traseiros dos coches.
O material xa se esta a repartir, pero si non chega a todas partes ou precisan máis, os interesados pódense poñer en contacto con Igualdade a través do teléfono 906099200 ext 102/103, ou no correo electrónico vilagarciaennegro@vilagarcia.gal para solicitalo. Ademais calquera persoa ou entidade que o desexe poderá recollelas tamén na Área de Igualdade en horario de mañá, ou no mostrador de información do Concello, en horario de tarde.
O Concello tamén fará difusión da campaña do Día Internacional, a través das redes sociais. Primeiro, mediante 7 vídeos nos que se incide no carácter machista que subxace noutros xeitos de agresión contra as mulleres e que se irán publicando durante a semana do 25N. Ademais, Igualdade anima aos propietarios dos locais, empresas e persoas de xeito particular a que saquen fotos dos escaparates, mostradores, oficinas vestidos de negro ou co material promocional da campaña e que se envíen ao correo electrónico anterior para encher as redes sociais do Concello con esa protesta simbólica e necesaria contra a violencia de xénero.
Como novidade deste ano e para remarcar o seu posicionamento como espazos libres de violencia machista, encintaranse de negro varios edificios municipais.
Como vén sendo tradicional dende hai xa moitos anos, o propio 25 de novembro, procederase á lectura pública do manifesto que elaborará o Consello Local da Muller e que este ano versará sobre eses outros tipos de violencia e agresións non físicas. E tamén será a partir dese día cando se dea paso á visibilización nas redes, do traballo de sensibilización e loita contra as violencias machistas que se fai dende os centros educativos, a través do grupo de traballo coordinado dende a Área de Igualdade e no que participan activamente tódolos centros do municipio.
A denuncia deste ano
As representantes do Concello explicaron que o lema deste ano, “Na violencia machista, hai agresións que non se ven”, está pensado a partir da identificación de problemáticas específicas que agudizan e dan forma ao universo da violencia de xénero, moito máis complexas que a mera, aínda que grave, presenza dos golpes. Con isto se pretende poñer sobre a mesa a existencia de moitas situacións que, aínda que ocorren de xeito habitual, non se identifican como violencia.
“Temos, por unha banda novas situacións que perpetúan os comportamentos machistas de sempre, como poden ser a violencia exercida a través das redes sociais na adolescencia, algúns tipos de violencia en mulleres maiores ou a utilización dos fillos e fillas para prolongar o maltrato á nai, e por outra, as dificultades específicas que sofren as mulleres cando son maltratadas”, expoñen as técnicas do CIM.
“Unhas das máis relevantes nestes últimos tempos son a dificultade para acceder a unha vivenda, a falla de recursos de protección en situacións concretas ou as diferentes dificultades que se poden atopar as mulleres no proceso de poñer unha denuncia”.
Alerta