23 noviembre, 2021
A actividade está orientada ao público familiar e enmárcase no proxecto “PorNo(n) educar”, a través do cal xa se impartiu formación a profesorado e alumnado da ESO.
No marco do proxecto “PorNo(n) educar” que está a desenvolver a Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía, o vindeiro mércores, 1 de decembro, organízase un obradoiro online destinado ao público familiar. O obxectivo desta iniciativa é completar a formación e a información que xa se ofreceu a profesorado e alumnado de 4º da ESO dos centros educativos, co obxectivo de abordar o consumo de pornografía entre a adolescencia e ofrecer ferramentas que faciliten un mellor entendemento e eviten a creación de modelos que desvirtúan e prexudican o que debe ser unha sexualidade san e igualitaria.
O obradoiro online é unha actividade gratuíta e aberta á participación de calquera familia, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom o mércores 1 de decembro entre as 17.30 e as 20.30 horas. A actividade será impartida por Sabela Maceira, responsable da área de educación sexual do centro de sexoloxía “Con mucho gusto!”, e dirixida por Martina González Veiga. Con esta iniciativa preténdense abrir canles de comunicación nas familias para crear espazos seguros onde a rapazada se poida expresar.
Para inscribirse, os interesados deberán enviar ao enderezo muller@vilagarcia.gal un correo co asunto: “Inscrición PorNo(n) educar”, indicando no corpo do mesmo o nome e apelidos e un correo electrónico de contacto. O prazo para anotarse remata o próximo martes, 30 de novembro. Ese mesmo día, enviaráselle o enlace e unhas breves indicacións para o acceso.
Unha problemática moi xeneralizada
O proxecto “PorNo(n) Educar. Adolescencia e pornografía” conta con financiamento do Pacto de Estado e ten como obxectivo xerar un pensamento crítico e reflexionar conxuntamente sobre o consumo da pornografía e os estereotipos que esta transmite. A necesidade de realizar este programa débese a que as estatísticas amosan que arredor do 60% das rapazas e o 90% dos rapaces menores de dezaoito anos viron pornografía nalgún momento.
O material audiovisual pornográfico é unha ficción, pero as carencias formativas en educación sexual fan que se entenda como representacións da realidade e polo tanto, modelos a seguir nas relacións afectivo-sexuais.
Ademais, as carencias educativas no uso das novas tecnoloxías e a desprotección da infancia ante contidos adultos, pese ás configuracións de control parental, fan que estes contidos poidan ser altamente impactantes e sexan necesarias accións para paliar os seus efectos.
Alerta