Incremento do turismo en Ribadumia

Compartir
David J. Castro Mougán. Alcalde. Fonte: Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia informa de que as visitas á oficina de Turismo municipal nesta tempada de xuño a outubro do 2021 alcanzaron os 3.368 visitantes, dos cales 374 correspóndense ó mes de outubro.

Neste último mes recibiuse unha media de 22 visitantes por día, a maioría dos cales correspondeuse coa figura do peregrino ou turista ligado ó Camiño da Variante Espiritual, (un 74%).

 

No referido á procedencia, o 62% dos visitantes tiveron procedencia internacional, con Portugal á cabeza seguido de Estados Unidos, Alemaña e Italia. En canto ó turismo nacional, Galicia seguiu a ser a comunidade que encabezou as visitas ao noso municipio este mes de Outubro (con 57 visitantes), seguida de Madrid, Castela e León e Cataluña, entre outras.

Ó longo deste verán foron un total de 3.368 turistas os que pasaron polo noso Concello, dos cales un 79% foron nacionais fronte ao 21% de internacionais, (procedentes de Portugal, Alemaña, Italia ou EEUU maioritariamente). Destes visitantes, arredor dun 57% foron turistas, dun 10% foron excursionistas e dun 33% peregrinos ou visitantes espirituais. Pódese observar, polo tanto, que neste ano 2021 aumentou o turismo internacional e de pernocta, (internacional:21%, pernoncta: 90%), con respecto ao 2020 (internacional:5%, pernocta: 77%).

Aínda que entre a información máis demandada ó longo de todo o verán atopamos os recursos naturais e todo o relacionado co mundo do viño (enoturismo), este mes de outubro o máis demandado foron as consultas arredor da variante Espiritual.

Estes datos reflexan o incremento con respecto ós anos anteriores, incluso con épocas anteriores ó inicio da crise sanitaria do COVID19, e poñen de manifesto a alza de demandas en enoturismo e gastronomía.

Dende o concello seguirase apostando polo fomento e promoción do turismo do municipio, e de todo o patrimonio cultural e gastronómico que existe en Ribadumia.