24 septiembre, 2021
Os Concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Pablo Novas e Marián Sanmartín, acudiron á contorna do Río Lameira para comprobar o avance desta actuación, que permite que o caudal de auga discorra correctamente e evita problemas de desborde na época de chuvias do inverno.
En total, realizarase unha inversión de máis de 11.600 euros, e actuarase nos ríos Lameira, da Grela, da Laxe, Lapamán e Castiñeiras.
A limpeza dos ríos é unha actuación medio ambiental de mantemento que se debe facer todos os anos para poder liberar ao trazado do río da maleza que se acumula e permitirlle ao caudal da auga que discorra sen obstáculos ao longo do cauce.
Os Concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Pablo Novas e Marián Sanmartín, acudiron esta mañá ata o río Lameira, para comprobar o inicio destes labores, nos que se investirán máis de 11.600 euros.
Os traballos consistirán na limpeza dos laterais e do propio cauce, triturando a maleza cunha desbrozadora manual de disco. Esta maleza, así como os obxectos e os plásticos que se poidan atopar, serán levados ao vertedoiro.
Os ríos nos que se actuará de aquí ás vindeiras semanas son:
● O río Lameira, desde Ponte Zapal ata a ponte de Coirados, así coma o regato que vai por detrás do CEP Sequelo.
● O río da Grela, desde a ponte de Coirados ata o Lavadoiro da Presa.
● O río da Laxe, desde a ponte do camiño do Peso ata a parcela traseira ao supermercado Mercadona, incluindo o corte e recollida das cañas do talude do CEIP da Laxe.
● O río Lapamán: desde a estrada xeral ata o camiño.
● O río Castiñeiras: desde o Lavadoiro de Coirados ao muíño antigo na Roza.
Con esta limpeza, que sempre se fai coincidir coa estación outonal, conséguese, ademais, prever posibles problemas de desbordes e de atrancos no leito na época de chuvias do inverno, para evitar que se produzan danos nas zonas poboadas polas que discorren estes ríos.
Alerta