Inicio en Pontevedra do terceiro curso de español para persoas inmigrantes

Compartir
Curso Español. Fonte: Deputación

Trátase da última das actividades formativas organizadas este ano pola Institución Provincial para facilitar ás persoas non hispanofalantes o acceso ao DELE A2, indispensable para obter a Nacionalidade Española.

Vinte persoas participan desde este luns no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra no terceiro e último dos cursos de español para persoas inmigrantes, que organiza neste 2021 a Deputación de Pontevedra para facilitar ás persoas de países non hispanofalantes, a obtención do Diploma de Español Como Lingua Estranxeira (DELE A2), un requisito indispensable para que poidan logo acadar a Nacionalidade Española.

En concreto, neste curso a maioría das persoas participantes proceden de Brasil (10), Marrocos (5), e Senegal (4) ,e hai unha de Arxelia. A actividade consta de 40 horas e prolongarase ata o 1 de outubro, en horario de 9.30 a 12.10 horas. Unha vez finalizadas as sesións de formación, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 13 de novembro.

As clases no Centro Príncipe Felipe, ao igual que o pasado ano, desenvólvense cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, o seu desenvolvemento estará supeditada á normativa vixente en cada momento.

 

Curso Pontevedra. Fonte: Deputación

 

Esta é a quinta edición dos cursos de español que a Deputación desenvolve desde 2017, para facilitar a integración das persoas inmigrantes como cidadáns de pleno dereito na provincia. A proba DELE A2 require unha preparación previa e ten un custo económico que dificulta o acceso para un determinado sector da poboación, e a través deste programa, a Institución subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula na citada proba.

Nos anteriores dous cursos celebrados en Vigo, con 20 e 15 participantes, as persoas procedentes de Marrocos foron maioría, seguidas das de Brasil, Rusia ou Nixeria, aínda que tamén houbo alumnado de Paquistán, Congo, Irán, Costa de Marfil ou Mauritania. As persoas que participaron e superaron estas dúas actividades examináronse os pasados días 9 e 10 deste mes de setembro da proba DELE A2.

Nas catro edicións anteriores dos cursos de español organizados pola Deputación, houbo un total de 235 persoas participantes que, sumadas ás 55 deste 2021, fan un total de 290 persoas. A meirande parte do alumnado consigue logo superar a proba e obter o DELE A2 e, deste xeito, en 2017 houbo un 70% de aprobados, mentres que o ano seguinte subiron ata un 97,7%. O pasado 2020, en que os cursos tiveron que adiarse uns meses pola pandemia, lograron o diploma o 80% das persoas examinadas.