14 diciembre, 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación das series de inverno da Liga Galega de J70 -Sailway Winter Series- que comezarán esta mesma fin de semana na Ría de Vigo. Alí, o secretario xeral destacou a “preeminencia do J70 como unha das clases de vela non olímpicas máis importantes do mundo” e destacou o apoio que a Xunta de Galicia brindou a este monotipo dende hai unha década xunto á Asociación Española de Armadores de la Clase J70 e diversos navegantes de primeiro nivel, o que posibilitou que en 2015 se crease, a modo de liga galega, unha competición estable de regatas de J70: as spring series e as winter series, que perduran ata hoxe.
Neste sentido, Lete Lasa enumerou a algúns dos mellores regatistas que competirán nas diferentes etapas que conformarán as Sailway Winter Series, como Chuny Bermúdez, campión da Volta ao Mundo en 2015; Gonzalo Araújo, campión do Mundo de Swan 50 e vixente vencedor das series de inverno; así como os medallistas olímpicos Nico Rodríguez, bronce no 470 de Toquío; ou mesmo Támara Echegoye, campioa olímpica no Elliot 6m de Londres e que participará nalgunha regata.
O secretario xeral para o Deporte lembrou a importancia deste campionato que desembocará no Campionato de España de J70 que se celebrará na Coruña no mes de xullo e no que participarán unha trintena de barcos. Ademais, as series de inverno do Real Club Náutico de Vigo, cobran especial relevancia xa que o Europeo da clase Corinthian terá lugar en 2025 e o Campionato do Mundo de J70 será en 2026.
Alerta