28 septiembre, 2024
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no ‘Día do/a adestrador/a’, un evento celebrado pola Real Federación Galega de Fútbol para facer un recoñecemento aos adestradores de honra de fútbol, fútbol sala, fútbol praia e fútbol gaélico. Co gallo desta celebración, a federación galega concedeulle a súa Medalla de ouro a Luis de la Fuente e Santi Denia, adestradores do combinado nacional español e olímpico que veñen de conseguir, respectivamente, a Eurocopa 2024 e a medalla de ouro dos Xogos Olímpicos de París. Nas súas verbas, Lete Lasa, recoñeceu o traballo de ambos os dous técnicos como “dous dos adestradores máis importantes do fútbol español e mundial”.
Na mesa redonda que se levou a cabo tamén participaron Pablo Amo, segundo adestrador de Luis de la Fuente na selección nacional e Antonio Vadillo, que vén de ser recoñecido como o mellor adestrador de fútbol sala do mundo polos seus éxitos co Palma Futsal. O mandatario galego subliñou a importancia de contar con este evento en Galicia que motiva e impulsa a traxectoria dos técnicos e técnicas galegas e lembrou que, tras a última resolución, a nosa comunidade xa conta con 34 adestradores e adestradoras de alto nivel. Ao fío desta idea, Lete Lasa recordou os nomes dalgúns dos adestradores de fútbol máis importantes da nosa historia como Carriega, Luis Suárez, Arsenio Iglesias, Fernando Castro Santos, Fernando Vázquez, David Vidal ou outros máis actuais como Jonatan Giráldez ou Claudio Giráldez.
A Real Federación Galega de Fútbol, “foi a primeira na nosa historia en exceder as 100.000 licenzas, polo que representa aproximadamente un terzo de todas as persoas que practican deporte federado en Galicia”, dixo. Ao fío desta idea, Lete Lasa informou que “preto do 6% de todas estas licenzas son de adestradores e adestradoras”.
GALERÍA:
Alerta