Loureiro Crespo celebrará a súa apertura o vindeiro 26 de novembro

Compartir
Cartel. Fonte: Concello

A finalización das obras para a transformación da rúa darán paso a unha celebración no barrio con actividades variadas, que inclúen obradoiros infantís e pasarrúas.

 

Igual que en ocasións anteriores de trasformacións fondas, o Concello de Pontevedra quere celebrar a mudanza estética e amable realizada na rúa Loureiro Crespo. A céntrica rúa de Pontevedra, que forma parte dunha das arterias principais da cidade, comeza unha nova etapa logo das actuacións realizadas ao longo dos últimos meses. Así, o vindeiro 26 de novembro, durante toda a tarde, están previstas unha serie de actividades para a veciñanza, animando a coñecer de primeira man os cambios, mais tamén animando a coñecer a toda a veciñanza e os negocios que aquí están.

Co lema ‘A xente fai o barrio’ elévase esa idea sempre transversal no Concello que é a de poñer as persoas no foco dos proxectos, creando unha cidade mellor, unha cidade para as persoas.

O programa ten previsto o seu inicio ás 17 horas, intre no que comezará o obradoiro infantil ‘Coidemos o noso barrio’, realizado pola asociación O Galpón Lab, residente deste barrio. Será na rúa José Adrio Barreiro, e terá como base o deseño de grilandas e elementos decorativos efémeros para embelecer o espazo común. Haberá dúas quendas por mor de contaren con prazas limitadas. A inscrición será por orde de chegada e está destinado a crianzas de entre 5 e 14 anos.

A partir das 18 horas, o barrio gozará cos pasarrúas a cargo do grupo de Gaitas e Pandeiretas da Asociación Duos Pontes. Doutra banda, ás 19 horas, será realizada unha visita institucional na que será inaugurada a placa conmemorativa da transformación da rúa na intersección de Loureiro Crespo con Casimiro Gómez. Participarán neste acto o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, e a Presidenta da Asociación de Comerciantes de Loureiro Crespo, María Diz Rey.