
10 mayo, 2025
O presidente do PP Provincial de Pontevedra, Luis López, chamou hoxe a “traballar arreo polo cambio” no Concello de Tomiño da man do Partido Popular para mudar dentro de dous anos, nas eleccións municipais de 2027, a un goberno do BNG “totalmente esgotado tras cinco mandatos e que é o causante da parálise deste territorio pola aplicación de políticas sectarias, extemporáneas e contrarias ao desenvolvemento”.
O tamén presidente da Deputación de Pontevedra lamentou que o executivo nacionalista “estea máis pendente de Portugal que dos 14.000 tomiñeses” e lembrou o crecente malestar veciñal que está a espertar a súa cativa política cultural e social, o seu pechado modelo urbano con importantes afeccións ao comercio e a hostalería, o abandono das parroquias, a falta de mantemento e conservación nos equipamentos municipais, con especial fincapé nos parques infantís, a súa inacción ante as pragas de moscas, a falta de solucións e de esixencia ao Estado ante os problemas de cobertura móbil ou o su rexeitamento ao dragado do río Miño, entre outras cuestións.
Fronte a isto, Luis López, que destacou que os fondos provinciais son os que están a “rescatar” ao Concello da parálise absoluta, puxo en valor o gran traballo do PP con Lara Meneses ao fronte do partido e Mónica Otero no grupo municipal e o compromiso co concello tanto da Deputación como da Xunta, que vai rematar a necesaria Autovía do Baixo Miño, “fundamental para o futuro de Tomiño”.
O presidente provincial lembrou que o PP de Tomiño “deu un salto cuantitativo e cualitativo” nas pasadas eleccións municipais “ata converterse nunha clara alternativa a un goberno ineficaz” e engadiu que a seriedade do proxecto popular “veuse reforzada co traballo que se está a desenvolver nestes dous primeiros anos de mandato primando a atención aos tomiñeses por riba de todo”.
Luis López realizou estas manifestacións este mediodía na Xuntanza anual do PP de Tomiño celebrada no pavillón de Barrantes, á que acudíu xunto a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e os deputados nacionais Irene Garrido e Juan Bayón, e que tamén contou coa presenza da presidenta do PP local, Lara Meneses; a voceira municipal, Mónica Otero; os concelleiros populares e máis de 200 militantes e simpatizantes.
Alerta