O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia da formación para potenciar o talento e as oportunidades da mocidade da provincia no acto de inauguración da duodécima edición de Edugal. O Salón da Oferta de Educación e Formación de Galicia que abriu este mércores as súas portas no Recinto Ferial de Pontevedra e o mandatario provincial participou na cerimonia de apertura cun discurso no que puxo en valor a interesante oferta dos 62 expositores e enxalzou a preparación académica das novas xeracións, ás que animou a perseguir os seus soños para construír un futuro mellor para a provincia e para Galicia.
Antes de percorrer os corredores do recinto pontevedrés acompañado polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e representantes de Aempe e o Concello de Pontevedra, organizadores do congreso; o presidente da Deputación participou na simbólica escena de corte de cinta para dar por aberta unha nova edición de Edugal.
Tomou a palabra Luis López despois do presidente de Aempe, Jose María Corujo, para agradecer en primeiro lugar o labor deste colectivo e do Concello de Pontevedra para organizar “unha das feiras de educación, formación e emprego que xa é unha referencia consolidada e unha das máis importantes de Galicia”. Neste sentido, o mandatario provincial resaltou as “incontables opcións que temos no noso territorio para recibir unha formación de calidade e actualizada ás esixencias dunha sociedade e economía globais”.
Despois de poñer tamén en valor titulacións que teñen relación coa Deputación como as das escolas de Cantería e de Enfermería, o presidente quixo dirixirse directamente aos protagonistas deste evento: os e as estudantes. “Di unha das claves desta feira que Edugal é un salón que axuda ao alumnado a decidir eficazmente o seu futuro formativo e profesional.
Permitídeme un humilde matiz: só pode fallar un penalti quen se atreve a tiralo. Con isto quero dicir que non teñades medo a fallar, a equivocarvos ou ao fracaso”, aconsellou o dirixente recordándolles que “sodes unha das xeracións mellor preparadas, eu anímovos a perseguir os vosos soños. Nós, como sociedade e administracións, encargarémonos de ofrecervos todas as ferramentas e recursos posibles para que o consigades”.